Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Unha colisión entre dous turismos en Poio sáldase cunha muller excarcerada

Unha muller tivo que ser liberada polos servizos de emerxencia despois de producirse unha colisión entre dous coches en Poio. Debido ao impacto, foi necesaria a retira dunha das portas do vehículo para poder acceder á ferida.

O sinistro tivo lugar no punto quilométrico 1.900 da PO-303, ao fío das 19:00 horas da pasada tarde.

Foi unha persoa particular quen alertou do accidente ao 112 Galicia e, nada máis recibir o aviso, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias puxo os feitos en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Pontevedra e do GES de Sanxenxo.

Unha vez rematada as labores de excarceración, a muller puido ser trasladada polos servizos sanitarios ao centro hospitalario de referencia.

Co fin de restablecer as condicións de seguridade da vía, desde o 112 Galicia tamén solicitouse a intervención dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local, ademais dos membros de Protección Civil da localidade e persoal de mantemento das estradas.

Un incendio provocado por un curtocircuíto obriga a trasladar a dúas traballadoras por inhalación de fume nun hotel no Grove

Un incendio declarado no interior do restaurante dun hotel da Illa da Toxa rematou con dúas traballadoras afectadas por inhalación de fume.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o lume foi provocado por un curtocircuíto nas instalacións eléctricas do baño do establecemento.

Pasadas as 23:30 horas da noite de onte, os xestores do 112 recibiron unha chamada informando do incidente no interior do restaurante e, de inmediato, solicitaron a  colaboración dos servizos sanitarios, dos Bombeiros do Salnés, do GES de Sanxenxo e tamén dos membros de Protección Civil do Grove.

Tras finalizar as labores de extinción, os servizos de emerxencia procederon a ventilar o local e confirmaron que o lume orixinouse a causa dun fallo eléctrico. As dúas traballadoras afectadas polo fume foron evacuadas en ambulancia ata o centro de saúde.

Os axentes da Garda Civil e da Policía Local tamén foron informados.

facebook twitter instagram