Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Un home foi localizado sen vida debaixo dun vehículo envorcado en Santiago

Para rescatar a vítima foi necesaria a intervención dos bombeiros.

Ningunha das persoas que, ás oito desta mañá, chamaron ao 112 Galicia para alertar deste suceso vía ocupante algún no coche, pero sentían soar un teléfono móbil. Esto indicaba que alguén podía estar dentro ou preto, pero para comprobalo ía ser imprescindible a intervención dos bombeiros. 

Efectivamente, debaixo do vehículo, un home aparecía xa sen constantes vitais, tal e como confirmaron pouco despois os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Todo parece indicar que o coche saíuse da vía nunha pista que discorre preto do cuartel da Garda Civil, situado na parroquia da Barciela, en Santiago. O vehículo quedou completamente envorcado, coas rodas para arriba.   

Ademais dos efectivos de salvamento e persoal médico, desde o 112 Galicia pediuse a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local.

Dúas persoas resultaron feridas de consideración a causa dunha colisión múltiple en Cambados

Dúas persoas resultaron feridas de diversa consideración a causa dunha colisión múltiple na vía de alta capacidade que une Cambados con Vilagarcía.

Como consecuencia do impacto, os feridos quedaron atrapados no interior dos coches implicados, polo que necesitaron da axuda dos bombeiros para abandonar os vehículos e ser atendidos polo equipo sanitario.

En total, foron tres os turismos implicados neste sinistro, que, ademais, provocou o corte da circulación ao paso pola parroquia cambadesa de Vilariño. De feito, os axentes da Garda Civil de Tráfico e Policía Local deberon desviar o tráfico pola PO-549 mentres duraron os traballos de atención aos feridos e retirada dos vehículos sinistrados, así como a limpeza dos restos ocasionados polo impacto.

Eran as 8:30 horas de hoxe cando o 112 Galicia recibiu diversas chamadas de particulares que daban conta dunha colisión con tres vehículos implicados na VG-4.3, en Cambados. Igualmente, pedían asistencia médica urxente para os feridos, que, ademais estaban atrapados. Deste xeito, desde o 112 Galicia, avisouse aos Bombeiros do Salnés para liberar ás persoas e facilitar a súa atención por parte do equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. De feito, as dúas persoas excarceradas foron evacuadas con lesións de diversas consideración, unha delas ao centro de saúde da localidade e outra ao centro hospitalario de referencia.

O impacto deixou numerosos restos na calzada, polo que foi necesaria a participación do persoal de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas, aínda que nestas tarefas tamén colaboraron os Bombeiros do Salnés, que aportaron máis auga para limpeza e recuperar as condicións de seguridade da calzada.

Atropelo na Coruña
Houbo outros accidentes de consideración en Galicia. De feito, unha persoa resultou ferida a pasada tarde na Coruña tras ser atropelada por un autobús de liña regular. Segundo os datos facilitados pola Policía Local ao 112 Galicia, o home tivo que ser trasladado, en estado grave, ao Hospital Universitario da Coruña.

O accidente sucedeu ao fío das 21:15 horas, na Ronda de Outeiro, á altura do cruce coa Avenida de Finisterre. Nese momento, o propio condutor do vehículo contactaba co 112 Galicia para alertar do atropelo.

Con estes datos, o persoal do 112 Galicia puxo a situación en coñecemento do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros da Coruña e dos membros da Policía Local e Protección Civil da localidade.

Dos heridos graves na Cañiza
Ademais, uns minutos antes, ás 18:30 horas, tres persoas resultaron feridas, dúas delas de gravidade, nunha colisión entre dous turismos e unha furgoneta cando circulaban pola A-52, no punto quilométrico 274, ao seu paso pola parroquia das Achas, na Cañiza.

Foi a chamada dunha persoa particular ao 112 Galicia, a esa hora, o que permitiu activar un operativo no que foron informados o servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Ponteareas e Vigo, os axentes da Garda Civil e Policía Local e os membros do GES de Ribadavia.

Excarceración en Moraña
Por outra banda, unha persoa resultou ferida sobre as 19:00 horas da pasada tarde, en Moraña, ao saírse da vía o turismo no que circulaba pola estrada que une as localidades de Cuntis a Moraña, aproximadamente no punto quilométrico dous. Foi nese punto onde acudiron os Bombeiros de Vilagarcía informados polo 112 Galicia debido a que o condutor do turismo atopábase atrapado no interior.

Ademais dos bombeiros, os xestores do 112 Galicia solicitaron a colaboración do persoal sanitario, dos axentes da Garda Civil de tráfico e Policía Local e dos membros do GES da Estrada. Do mesmo xeito, informouse do sucedido aos Bombeiros de Pontevedra e voluntarios de Protección Civil da localidade.

Catro persoas feridas en Vilagarcía
A esa mesma hora, produciuse outro accidente no que colidiron dous coches na Avenida de Rosalía de Castro, en Vilagarcía. Como consecuencia do impacto, catro persoas, entre elas un bebé e a súa nai, foron evacuadas polos servizos sanitarios de urxencia ao centro hospitalario de referencia.

Así, desde 112 Galicia informábase do sucedido ao persoal sanitario, aos Bombeiros de Vilagarcía e a Policía Local da localidade.

 

 

  

 

Un incendio devora unha carpintaría de ribeira en Cervo

As tarefas de extinción prolongáronse horas: desde que o 112 Galicia recibiu alerta ás tres da madrugada ata case as oito desta mañá.

Con todo, as consecuencias deste incendio son irreparables, xa que botouse a perder tanto a estrutura como todo o que había dentro. 

Por fortuna, ninguén resultou afectado, e, de momento, descoñécense as causas. Iso si, o incendio provocou a alarma na contorna, proba delo son as chamadas que se recibiron no 112 Galicia apenas uns minutos despois das tres da madrugada. Todas as persoas que contactaron co servizo de emerxencias coincidían plenamente na localización e descrición dos feitos. Deste xeito, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitaron a intervención dos Bombeiros de Viveiro e dos membros do GES de Cervo. Tamén pediuse colaboración aos compañeiros do parque de Barreiros, sen embargo, axiña o dispositivo que xa traballa no punto confirmou o control das lapas.

Aínda así, a completa extinción do lume prolongouse durante horas, ata as oito desta mañá, pois permanecían pequenos focos que era necesario atallar e refrixerar. 

As consecuencias foron un asteleiro con tres compartimentos reducido totalmente a cinzas.

Neste operativo participaron tamén os axentes da Garda Civil.

Dúas persoas, trasladadas con síntomas de intoxicación por inhalación de gases en Arteixo

Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron a dous veciños de Vilarrodís, en Arteixo, que presentaban síntomas compatibles cunha intoxicación por inhalación de gases.

Co fin de localizar a orixe de fuga, o persoal do 112 Galicia informou aos Bombeiros de Arteixo, que, por precaución, retiraron do domicilio un total de tres bombonas.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o suceso tivo lugar na Rúa Platas Varela preto das cinco desta madrugada. Alí acudiu un equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para atender aos dous ocupantes da vivenda, posiblemente afectados pola inhalación de gases. Ante a sospeita dos profesionais sanitarios, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia avisaron aos bombeiros do parque comarcal, que, despois de revisar a vivenda, decidiron retirar tres bombonas que podían ter mal colocado o capuchón. Tamén realizaron as correspondentes medicións, que deron negativas.

A maiores, desde o 112, avisouse á empresa subministradora do gas para que fagan as revisións necesarias. 

Outros sucesos na área coruñesa
Moi preto de Arteixo, na Coruña, os bombeiros tamén actuaron esta noite para sufocar un incendio declarado nun cuarto dunha vivenda situada na Praza Estéban Lareo Castro. No interior, había catro persoas, dous adultos e dous menores, que saíron da casa, pero que igualmente, dous deles necesitaron asistencia médica debido á inhalación de fume. Con todo, bastaron os coidados recibidos no lugar do suceso e descartaron o traslado ao hospital. 

Foron os propios afectados polo incendio quen contactaron co 112 Galicia cara ás das dez da noite pasada. Indicaron que ardía unha habitación e percisaban atención sanitaria. Deste xeito, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informaron a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e aos bombeiros da cidade, que, cando chegaron ao lugar, o incendio fora xa sufocado. Non obstante, puideron comprobar que arderon varios obxectos dentro da habitación, aínda que descoñecen as causas do incendio.

Cómpre sinalar que neste operativo tamén colaboraron os axentes da Policía Local.

facebook twitter instagram