Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

A saída de día dun turismo en Chantada remata con dous falecidos e o condutor do vehículo ileso

Un tráxico accidente, rexistrado esta madrugada no concello lucense de Chantada, saldouse con dous mozos falecidos. O turismo envorcou cando circulaba pola N-540, á altura do punto quilométrico 53, con tres persoas no seu interior. O condutor do vehículo resultou ileso e os bombeiros tiveron que excarcerar ás vítimas mortais.

O 112 Galicia tivo constancia do ocorrido ao fío das 00:15 cando varios particulares chamaron para solicitar axuda para os ocupantes dun coche, que estaban atrapados como consecuencia dunha saída de vía. De feito, segundo o relato dun dos alertadores, o accidente puido ser provocado por un xabaril que interceptou a estrada.

Nada máis ter constancia dos feitos, os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Chantada e dos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Unha vez no lugar, os membros do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento do concello chantadino empregaron o material de excarceración para liberar a dous dos ocupantes do turismo sinistrado. Desafortunadamente, nada se puido facer por salvarlles a vida.

Cómpre indicar que os equipos de intervención desprazados ata o lugar informaron ao 112 que, malia sufrir unha crise de ansiedade, o condutor do vehículo resultou ileso. Deste xeito, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, informouse aos psicólogos especialistas do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes ou Emerxencias (GIPCE) por se fose necesaria a atención especializada á familia e persoas próximas aos falecidos.

O operativo foi completado polos efectivos de Protección Civil de Chantada e persoal do servizo de mantemento das estradas. Igualmente, pasouse aviso aos axentes da Policía Local.

Os servizos de emerxencia traballan no incendio dun estaleiro en Pontevedra

Os servizos de emerxencia tratan de sufocar un incendio declarado na nave industrial dun estaleiro situado en Pontevedra, na parroquia de Lourizán. Este suceso obrigou a activación do nivel 1 do Plan Territorial de Protección Civil de Galicia –PLATERGA- e non se rexistraron danos persoais.

O 112 Galicia tivo constancia do incendio esta medianoite a través da chamada de varios particulares que comezaron a percibir as lapas e explosións desde diversos puntos da localidade.

Axiña, desde o 112 Galicia activouse un operativo formado polos Bombeiros de Pontevedra, polos axentes Garda Civil, pola Policía Nacional e Local e polo persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, por si –nalgún momento- fose precisa a súa intervención. Ademais, solicitouse a colaboración no dispositivo dos Bombeiros de Vigo, do Morrazo, do Baixo Miño, do Ribadumia e do Salnés e dos membros de Protección Civil de Pontevedra, de Poio e de Cambados.

Tamén, os servizos de Gardacostas de Galicia, que ven de activar o Plan Camgal en fase de alerta para evitar que procedentes da zona de extinción saian a mar aberto, e de Salvamento Marítimo, tras ser informados polo 112 Galicia, apoiaron as tarefas de extinción desde o mar, mobilizando os buques de salvamento SAR Gavia e Irmáns García Nodal. De igual xeito, o persoal do Concello e do Servizo de Medio Ambiente da Xunta de Galicia tamén foron informados da situación.

O Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias participou durante toda a noite nas tarefas de extinción. Un camión gran nodriza do GALI apoiou aos servizos de emerxencia alí desprazados no subministrou de auga, un total ata esta intre, de 150.000 litros de auga foron os empregados por parte do GALI. Neste sentido, o persoal de extinción de Medio Rural sumouse ao dispositivo con dúas nodrizas de apoio.

A esta hora, o lume que afecta a unha nave de 2.000 metros cadrados e a dous barcos, que se atopaban no interior das instalacións do estaleiro está controlado e polo momento, descoñécense as causas que orixinaron o lume.

Arde un alpendre
Os servizos de emerxencia desprazáronse esta pasada tarde para sufocar un incendio declarado no interior dun alpendre situado no lugar Moi, en Dozón.

Nada máis recibir a chamada de alerta, na cal os Bombeiros do Deza comunicaban ao 112 Galicia do suceso, os xestores de emerxencias alertaron ao persoal sanitario, aínda que, finalmente, non foi preciso a súa intervención, aos axentes da Garda Civil e aos membros do GES de Lalín.

Segundo confirmaron os efectivos del servicio de extinción, ás 23:00 horas, ao 112 Galicia, o incendio calcinou por completo un alpendre e a herba seca que se almacenaban no seu interior.

facebook twitter instagram