Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Un equipo de psicólogos desprazouse ata A Veiga para prestar apoio á familia do mozo falecido na praia Dos Franceses

Co fin de prestar apoio psicolóxico, o 112 Galicia puxo a dispor dos familiares da vítima un equipo de profesionais do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE).

O 112 Galicia tivo constancia do suceso sobre as oito e cuarto da tarde pasada. Foi a esa hora cando o pai da vítima contactaba co 112 para informar de que o seu fillo non o vira saír da auga. Segundo relataba, sospeitaba que lle puidera pasar algo, posto que, cando nadaba en compañía dos compañeiros, na praia Dos Franceses, en Castromao, no concello de A Veiga (Ourense), observou como daba a volta, sen poder chegar a terra. 

Tras a primeira comunicación co alertador, decontado, desde o 112 Galicia púxose en marcha un dispositivo formado polos servizos sanitarios de urxencia, Bombeiros de Valdeorras, GES e efectivos de Protección Civil da localidade e Garda Civil.
 
Finalmente, poucos minutos despois, atoparon o rapaz á beira da auga. Pese aos intentos de reanimación entre os profesionais sanitarios e particulares que se atopaban no lugar, nada se puido facer por salvarlle a vida. Ata o lugar tamén se desprazou o helicóptero medicalizado con base en Ourense, sen embargo, nada se puido facer. 

Tras confirmarse o falecemento do rapaz, o 112 Galicia informou ao equipo de psicólogos do GIPCE para prestar apoio aos familiares.

 

Dúas persoas intoxicadas pola mala combustión dun quentador nunha vivenda en Sarria

Dúas persoas tiveron que ser trasladadas a un centro médico ao presentar síntomas por unha posible intoxicación de monóxido de carbono procedente da defectuosa combustión dun quentador en Sarria.

Os feitos sucederon á altura do número 158 da rúa de Calvo Sotelo, ao fío das 20:00 horas. Nese momento, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 alertaba ao 112 Galicia do escape gas.

Acto seguido, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento dos Bombeiros de Sarria, da Policía Local e da empresa subministradora do gas.

Unha vez na vivenda, os servizos de emerxencia levaron a cabo as comprobacións correspondentes, que confirmaron a presenza de monóxido de carbono. A partir de aí procederon a ventilar a casa.

Arde un coche por completo en Poio e as lapas afectan a outros dous

No concello pontevedrés de Poio, na Avenida do Covelo, un coche ardeu por completo e outros dous resultaron afectados. 

Ao fío das cinco e media desta madrugada, un particular contactaba co 112 Galicia para informar dun coche ardendo. Tamén os axentes da Garda Civil indicaban aos xestores do 112 que foran avisados dun lume en varios coches, á altura  da Praia de Covelo. 

Desde o 112 puxéronse os feitos en coñecemento dos membros do GES de Sanxenxo, que se desprazaron decontado ao punto. Tamén se informou á Policía Local, que xa tiña constancia, e aos efectivos de Protección Civil da localidade. 

Unha vez no punto e tras extinguir as lapas, os membros do GES confirmaron que un coche ardera por completo e que outros dous que estaban aparcados moi preto, tamén resultaran danados. 

Arde furgoneta en Viana do Bolo
Tamén, minutos antes, sobre as 05:15 horas da pasada madrugada, o 112 Galicia era informado doutro vehículo ardendo en Viana do Bolo (Ourense). Neste caso tratouse dun vehículo que se utilizaba como discoteca móbil. De feito, foi o propietario quen chamou ao 112 para solicitar axuda. Indicaba que lle ardía a furgoneta da discoteca móbil, que estaba na OU-533, quilómetro3, en Pexeiros. 

Así, con estes datos, desde o 112 pasouse aviso aos membros do GES da Gudiña, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local. 

Tras extinguir as lapas, os membros do GES indicaron que ardera a furgoneta na súa totalidade, pero que puideran salvar o remolque.  

Arde por completo un garaxe dunha casa en Redondela

Un incendio declarado a pasada noite nun garaxe dunha casa unifamiliar en Redondela provocou que a cocheira ardese por completo, sen que ningunha persoa resultase ferida.

Sucedeu no Camiño Ponteseca, uns minutos antes das 2:35 horas. Foi unha persoa particular quen contactou co 112 Galicia para dar conta do lume.

A partir desde aí, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros do Baixo Miño e de Vigo, a Protección Civil de Redondela e á Policía Local.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, os servizos de emerxencia remataron as labores de extinción do lume ao fío das 4:30 horas.

facebook twitter instagram