Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Un bombeiro resulta ferido mentres cortaba unha árbore en Vigo

Un bombeiro foi evacuado polos servizos sanitarios na madrugada de hoxe despois de sufrir un accidente mentres podaba unha árbore no lugar de Fragoselo, en Vigo.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polo equipo médico que acudiu ata o lugar dos feitos, a árbore caeulle enriba, provocándolle lesións de diversa consideración.

Ao fío das 06:00 horas, unha chamada de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 informaba aos xestores do 112 Galicia do incidente. Decontado, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) púxose a situación en coñecemento dos axentes da Policía Nacional e Local.

O bombeiro foi atendido polos profesionais sanitarios e trasladado en ambulancia ata un centro hospitalario.

Unha moza resultou ferida tras caer dun tellado cando trataba de entrar en casa ao esquecerse das chaves

O suceso tivo lugar no concello ourensán de A Rúa ás 21:15 horas de onte. A rapaza ferida tivo que ser evacuada polo equipo médico en ambulancia ao hospital comarcal de Valdeorras.

Foi un familiar da implicada quen chamou ao 112 Galicia para solicitar axuda para acceder ao interior dun taller da Rúa de Telesforo Ojea. Segundo indicaba, a moza esqueceu as chaves de casa e intentou acceder pola terraza da vivenda a través do tellado da edificación lindeira.

A continuación, unha das placas de uralita cedeu e a afectada acabou caída no interior do taller. Así, ademais da intervención sanitaria correspondente, era necesario a actuación de medios de emerxencias que puidesen abrir a porta do establecemento, posto que o lugar estaba pechado.

Nada máis ter constancia dos feitos, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasaron aviso aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e aos Bombeiros e GES de Valdeorras.

Unha vez no punto, os equipos de intervención forzaron a porta do taller, o que permitiu que a ferida puidese ser atendida polo persoal médico e trasladada a un centro hospitalario logo despois..

Este operativo tamén contou coa intervención dos axentes da Garda Civil e dos membros de Protección Civil da localidade.

facebook twitter instagram