Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Trasladados en Arteixo tres adultos e unha nena por mor da fuga gas nunha bombona nun local

Un total de catro persoas, tres adultos e unha nena, foron evacuados esta medianoite polos servizos sanitarios de urxencia ao Complexo Hospital Universitario e ao Hospital Teresa Herrera da Coruña, por inhalación de gas procedente dunha bombona.

Segundo indicaron os Bombeiros de Arteixo ao 112 Galicia, todo parece indicar, que a fuga do gas proveu dunha bombona de gas situada no baixo da edificación, situada na Avenida de Caión, en Arteixo. Ademais, por seguridade, oito vivendas foron desaloxadas mentres duraron as labores de comprobación.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia foi informado do suceso, preto das 00:30 horas, polos servizos sanitarios de urxencia, quen mobilizaba a un equipo de profesionais para atender aos ocupantes da vivenda afectada.

Foi a partir de aí, cando desde o 112 Galicia se alertou aos Bombeiros da cidade, que decontado, se desprazaron ao lugar. Tamén, se solicitou a colaboración dos axentes da Garda Civil e Policía Local e do Servizo Municipal de Protección Civil da localidade. Do mesmo xeito, informouse ao persoal da empresa subministradora.

Unha vez rematadas as comprobación e a desconexión da bombona afectada polos Bombeiros, os veciños puideron regresar as súas vivendas.

Sen danos na carga tras incendiarse o eixo traseiro dun camión con gasóleo agrícola

Circulaba pola AP-9 e, ao paso polo punto quilométrico 114, en Portas, detívose a causa dun estoupido nunha roda, que rematou por incendiarse.

Primeiro a roda e pouco despois propagábase por todo o eixo traseiro. A preocupación do condutor, que resultou ileso, era a cisterna, onde transportaba 32.000 litros de gasóleo agrícola. Sen embargo, a carga acabou intacta e os danos cinguíronse ao eixo traseiro do camión. 

Foi o propio camioneiro quen alertou ao 112 Galicia a través dunha chamada ás 6:30 horas desta mañá, e a partir de aí máis avisos doutros condutores alertados pola situación.

Pola súa parte, os axentes da Garda Civil de Tráfico procederon a cortar a vía co fin de facilitar aos equipos de emerxencia a extinción do incendio. En concreto, interviñeron os membros do GES de Sanxenxo e os voluntarios de Protección Civil de Portas, e deron por finalizada a actuación pouco tempo despois.

En canto aos efectos deste incendio na circulación, os axentes da Garda Civil de Tráfico confirmaron a través do 112 Galicia que só foi necesario o corte no carril dereito, en sentido norte (Santiago).

Unha condutora queda atrapada no seu vehículo tras colidir con outro en Cambre

Trátase da única ferida nesta colisión rexistrada ás nove desta mañá na DP-170, ao paso por Brexo, Cambre.

As dificultades para acceder á ferida, atrapada no seu coche, motivou a activación dos recursos de rescate, neste caso, os Bombeiros de Betanzos e os membros do Servizo Municipal de Protección Civil.

Cos medios locais puideron liberar a persoa para o seu posterior traslado a asistencia médica. De feito, quen chamou ao 112 Galicia para alertar do choque indicou que a muller estaba consciente, pero presentaba lesións evidentes.

Deste xeito, solicitouse a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Tamén se pediu a colaboración dos axentes da Policía Local de Cambre, quen afirmaron que, neste suceso, a muller atrapada era a única ferida.

Inconsciente tras ser atropelado cando circulaba en patinete
Por outra banda, na Coruña, tivo lugar o atropelo dun vehículo a unha persoa que se desprazaba en patinete. Ocorreu ás 5:30 horas desta madrugada na Ronda de Outeiro, á altura do 176. Segundo a persoa que chamou ao 112 Galicia para pedir axuda, o atropelado quedou inconsciente e tirado no chan. Deste xeito, solicitouse a asistencia dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así como dos axentes da Policía Local.

O ferido foi finalmente evacuado ao centro hospitalario de referencia.

facebook twitter instagram