Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Arde unha nave no Polígono Industrial do Tambre de Compostela sen causar danos persoais

O lume iniciouse nunha nave sen actividade, que nestes momentos, estaba a ser acondicionada para unha nova apertura. 

O local, situado na Vía de Edison, no Polígono do Tambre, en Santiago de Compostela,  ardeu por completo e afectou a dúas naves lindeiras. Por fortuna, non houbo que lamentar danos persoais.

Ao fío das dez e media da pasada noite, varios particulares contactaban co 112 Galicia para informar dunha nave ardendo no Polígono do Tambre, sen coñecer se habería xente afectada. A partir de aí, os xestores do 112 pasaron aviso aos Bombeiros de Santiago, á Policía Local, á Nacional e aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da cidade. Ademais, por se fose necesaria a súa intervención, informaron dos feitos ao persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así como ao persoal de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. 

Tras desprazarse decontado ao punto, os Bombeiros, unha vez controlada a situación, lograron a completa extinción do lume e procederon a refrixerar a zona. Así,  tras finalizar o seu traballo, indicaron que a nave na que se iniciara o lume, ardera na súa totalidade e que as dúas naves lindeiras tamén resultaran afectadas polos laterais. 

Trasladadas dúas veciñas de Castro de Rei por inhalación de monóxido de carbono

Dúas mulleres foron evacuadas ao Hospital Lucus Augusti na mañá de hoxe ao resultar afectadas por intoxicación por monóxido de carbono.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos equipos de intervención que acudiron ao lugar dos feitos, a acumulación nociva de gas no interior do inmoble, localizado no concello lucense de Castro de Rei, foi provocada pola mala combustión dunha cociña de leña.

O suceso produciuse ás 06:30 horas. Nese momento, unha das moradoras da vivenda chamou ao 112 Galicia para solicitar asistencia para unha familiar que perdera o coñecemento.

Decontado, os xestores do 112 solicitaron a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que, tras poñerse en contacto coa alertante, sinalizaron que podíase tratar dun escape de gas.

Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE), alertouse de inmediato aos Bombeiros de Vilalba e aos axentes da Garda Civil.

Unha vez no lugar dos feitos, os membros do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento confirmaron que o índice de concentración de monóxido de carbono no interior da vivenda era elevado e procederon a ventilar o inmoble.

Co fin de realizar as comprobacións necesarias, tamén se informou ao persoal da empresa subministradora de gas.

facebook twitter instagram