Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Dúas familias trasladadas, en Viveiro e Cangas, por posible intoxicación de monóxido de carbono

Catro membros dunha familia foron evacuados esta madrugada da súa vivenda situada en Landrove, Toxeiras, na localidade de Viveiro, debido a un posible escape de gas motivado pola mala combustión dunha cociña de leña.

Pasados uns minutos das 00:30 horas, un dos afectados chamaba ao 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que os seis membros da familia, dous adultos e catro menores, se atopaban mal. Tras pasar o aviso inmediato aos profesionais do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que sinalaron a posibilidade de tratarse dun escape de gas, o 112 Galicia informou aos Bombeiros de Viveiro. Tamén puxeron os feitos en comunicación da Policía Nacional, Local, dos efectivos de Protección Civil da localidade e do persoal da empresa do gas que subministra a zona.

Os Bombeiros una vez no lugar e feitas as correspondentes medicións, comprobaron que a intoxicación por monóxido de carbono tivo a súa orixe na cociña de leña e  que os profesionais sanitarios  ventilaran a vivenda e trasladaran a catro persoas da familia ao centro hospitalario de referencia.

Familia trasladada en Cangas
Tamén, ao fío das 21:00 horas da pasada noite, o 112 Galicia recibía a chamada de alerta dunha familia, dous adultos e dous menores, e cuxa vivenda está situada na Rúa Nazaret, en Cangas, con síntomas de intoxicación.

Ata o lugar desprazáronse ademais dos servizos sanitarios, os Bombeiros do Morrazo e os efectivos de Protección Civil. Así mesmo, foron informados os axentes da Garda Civil  e o persoal da compañía subministradora do gas que abastece a zona.

Aínda que feitas as medicións, as cales deron negativas, os servizos sanitarios confirmaron o traslado da familia ao Hospital de referencia por presentar os síntomas correspondentes.

facebook twitter instagram