Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Un incendio nunha nave de explotación de polos deixa 17.000 mil aves mortas en Meis

Un incendio declarado esta madrugada nunha nave dedicada á explotación de polos, localizada no concello pontevedrés de Meis, calcinou por completo a primeira planta do inmoble e o tellado provocando a morte de todos os polos que estaban no seu interior.

O incidente tivo lugar ás 4:30 horas no lugar Cabeza de Boi. A esa hora, o 112 Galicia recibía a chamada dos axentes da Garda Civil que alertaban dun lume nunha granxa de explotación de polos na parroquia da Armenteira.

Decontado, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) pasouse aviso aos Bombeiros do Salnés,  aos voluntarios de Protección Civil da localidade e ao persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, por se fose precisa a súa intervención nalgún momento. 

Nada máis chegar ao lugar dos feitos, os membros do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento trataron de atallar as lapas e controlaron o foco de incendio. Malia que ningunha persoa sufriu danos a raíz do ocorrido, os 17.000 polos que habitaban a granxa perderon a vida.

Tras rematar a intervención, os bombeiros confirmaron que o lume calcinou por completo o primeiro andar, dos dous dos que se compón a nave, e afectou tamén ao tellado da edificación.

facebook twitter instagram