Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Dúas persoas feridas en Valdeorras despois de colidir dous turismos e envorcar un deles

Os Bombeiros de Valdeorras excarceraron aos dous feridos, tras quedar atrapados no interior do vehículo que rematou envorcado. Segundo a información recibida no 112 Galicia, o seu estado non parecía revestir gravidade.

Varios particulares contactaban ao fío das 20:00 horas deste pasado domingo co 112 para informar do accidente. Indicaban que se trataba dun choque entre dous turismos, que un deles envorcara e que había dúas persoas maiores no seu interior que non podían saír e que asemellaban atoparse ben.

Con estes datos, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento dos profesionais do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que decontado se desprazaron ao punto. Do mesmo xeito, foron informados os Bombeiros e os membros do GES de Valdeorras, os axentes de Tráfico, da Policía Local e os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.

Unha vez no punto, os Bombeiros confirmaron ao 112 Galicia a excarceración dos dous ocupantes, que foron trasladados polo Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Dous feridos en San Cibrao das Viñas
Tamén, onte sobre as 22:00 horas, o 112 Galicia era informado doutro accidente con dous coches implicados e con dúas persoas feridas, na A-52, quilómetro 221, en Rante, dirección Vigo, no concello de San Cibrao.

O persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 indicaba ao 112 Galicia que, tras a colisión, unha persoa estaba tendida no chan. Tamén, os axentes de Tráfico e unha persoa particular contactaban, á mesma hora, coa central de emerxencias para pedir axuda.

Así, ata o lugar achegáronse decontado ademais dos profesionais sanitarios, os Bombeiros de San Cibrao e os axentes de Tráfico. Tamén foron informados os membros do GES de Pereiro de Aguiar e o persoal de mantemento da vía.

Finalmente, os dous condutores precisaron a intervención dos Bombeiros para saír do interior dos vehículos e foron trasladados en dúas ambulancias que o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, derivou ao punto. Un deles, nunha ambulancia medicalizada e o outro ferido nunha asistencial.

Saída de vía de autobús en Trazo
O autobús ía baleiro, sen embargo, a súa condutora precisou ser evacuada polo persoal sanitario debido ao estado de nerviosismo no que se atopaba.

Sucedeu esta mañá. Pasaban dez minutos das 8:30 horas cando un particular informou ao 112 Galicia da saída de vía dun autobús na Foca, en Chaián, no concello coruñés de Trazo.

O alertador indicaba que o bus dirixíase ao colexio de Tordoia, pero nese intre, o vehículo ía baleiro. Tan só a condutora, que o mesmo alertador atendeu nun primeiro momento, necesitou asistencia sanitaria, debido ao estado de nervios no que se atopaba.

Ademais de ao persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os xestores do 112 Galicia informaron á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade. Igualmente, foron informados os Bombeiros de Ordes e de Santiago.

 

Danos nunha nave industrial en Narón por mor dun derrubamento parcial no seu interior

Un exceso de carga de mercancía nun andar foi a causa dun derrubamento que se produciu no interior dunha nave industrial en Narón, sen que se rexistrasen danos persoais. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, a sobrecarga de material nunha planta provocou que o andar caese sobre outro situado debaixo.

Os feitos sucederon no Polígono do Río do Pozo, na rúa Afiadores, ao fío das 6:20 horas.

Nese momento, os Bombeiros de Narón alertaban do ocorrido ao 112 Galicia e, decontado, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento da Policía Nacional, da Policía Local e de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, a zona quedou balizada e o acceso restrinxido mentres os servizos de emerxencia traballen no interior da nave.

facebook twitter instagram