Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Unha persoa resulta ferida ao arder o seu vehículo despois de saírse da vía en Boimorto

Unha persoa necesitou a axuda dos servizos de emerxencia despois de sufrir unha saída de vía co seu vehículo mentres circulaba pola DP-1004, á altura da parroquia de Arceo, no concello coruñés de Boimorto.

Segundo a información facilitada aos xestores do 112 Galicia polos equipos de intervención que acudiron ao lugar dos feitos, o turismo saíuse da vía e rematou parcialmente somerxido nun río.  O ocupante puido saír do vehículo polos seus propios medios pero, nada máis abandonalo, iniciouse un lume no interior do coche.

O accidente tivo lugar ás 00:45 horas da madrugada de hoxe e ata o lugar acudiron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Arzúa e tamén os membros de Protección Civil da localidade.

Unha vez no punto, os servizos de emerxencia trataron de extinguir o lume –que calcinou por completo o vehículo- e a persoa ferida puido ser atendida polos profesionais sanitarios. Tras rematar a intervención e realizar as comprobacións necesarias, os bombeiros aseguraron ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) que non chegou a producirse ningunha vertedura de combustible na zona.

Co fin de establecer as condicións de seguridade na vía, desde o 112  tamén avisouse aos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Accidente contra unha casa no Vicedo
Por outra banda, un home tivo que ser trasladado ao Hospital de Burela despois de chocar o vehículo que conducía contra a súa propia casa no lugar de Serantes, no concello lucense do Vicedo. Un familiar que se atopaba no interior da vivenda foi trasladado ao PAC tras ser alcanzado por algúns cristais que se lle caeron enriba tras o accidente.

O 112 Galicia tivo constancia do ocorrido ás 22:45 horas da pasada noite tras recibir a chamada de alerta dunha persoa particular que solicitaba axuda para o condutor do turismo. De acordo co seu relato, o home atopábase liberado e accesible pero necesitaba asistencia sanitaria.

Decontado, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención dos servizos sanitarios de urxencia e tamén informouse aos Bombeiros de Viveiro, aos axentes da Garda Civil de Tráfico  e aos voluntarios de Protección Civil da localidade.

facebook twitter instagram