Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

A saída de vía dun turismo sáldase cun home excarcerado en Xinzo de Limia

Un home resultou ferido, e tivo que ser excarcerado, despois de saírse da vía o turismo que conducía ao seu paso polo concello ourensán de Xinzo de Limia.

O accidente ocorreu ao fío das  19:45 horas da tarde de onte. Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos equipos de intervención que acudiron ao lugar dos feitos, o home sufriu unha saída de vía mentres conducía e necesitaba axuda tras quedar atrapado no interior do vehículo.

A partir de aí, os xestores do 112 alertaron axiña aos Bombeiros de Xinzo de Limia que acudiron ao lugar do accidente e fixeron uso do material de excarceración para liberar ao ferido. Ata o punto tamén se desprazaron os axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local e membros de Protección Civil da localidade.

Unha vez rematadas as labores de excarceración, o condutor foi evacuado polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao centro hospitalario de referencia.

Aínda que nun primeiro momento o equipo médico valorou a posibilidade de trasladar o ferido a bordo dunha aeronave medicalizada, finalmente o home foi evacuado en ambulancia.

Danos no interior dun garaxe en Vilanova de Arousa por mor dun incendio

Un incendio declarado a pasada noite no garaxe dunha casa en Vilanova de Arousa deixou danos no seu interior, sen que ningunha persoa resultase ferida.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, arderon dous coches, leña e varios aveños que se encontraban no local.

Os feitos sucederon ao fío das 2:00 horas no lugar da Igrexa, na parroquia de Deiro. Nese momento, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para dar conta do incendio.

A partir de aí, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento dos Bombeiros de Vilagarcía e de Ribadumia, da Garda Civil, de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, o lume quedou sufocado ao redor das 3:30 horas.