Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Un condutor resulta ferido tras ser atropelado por un turismo despois de sufrir un accidente contra outro vehículo en Mos

Un accidente entre dous vehículos remata cun dos condutores implicados ferido, ao ser atropelado por un terceiro coche.

Foi unha persoa particular quen, sobre as 23:30 horas da pasada noite, chamou ao 112 Galicia para informar do suceso. Segundo o seu relato, había unha persoa tendida no chan. Nese intre, outro particular indica aos xestores de emerxencias que acababa de ter un accidente contra un vehículo na A-55, á altura de Sanguiñeda, dirección Vigo e, ao saír dos turismos un terceiro vehículo atropelou ao condutor do outro coche sinistrado, deixándoo ferido.

Así, con estes datos, desde o 112 Galicia informou decontado ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos axentes de Tráfico, da Policía Local e aos efectivos de Protección Civil da localidade. Tamén, os Bombeiros do Porriño foron  informados dos feitos.

Unha vez no punto, o ferido foi evacuado polo persoal sanitario e trasladado en ambulancia ao Hospital  Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Arde un galpón anexo a unha vivenda en Tomiño e o seu dono tivo que ser atendido polos servizos sanitarios

Os servizos sanitarios tiveron que atender in situ ao dono dunha vivenda, tras verse afectado polo incendio rexistrado no alpendre situado ao carón da casa.

Todo aconteceu a pasada noite, eran as 23:30 horas cando unha persoa particular informaba ao 112 Galicia de lapas no interior dunha finca, no lugar de Vilar, en Tomiño. A partir dese momento, outros alertantes tamén comunicaban ao 112 que ardía o recinto dunha casa. Aseguraban que se escoitaban estoupidos e que había xente no interior pero que non eran capaces de contactar con ninguén.

De inmediato, desde o 112 Galicia pasouse aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e aos Bombeiros de Miño, que axiña se desprazaron ao punto.  A Garda Civil, efectivos de Protección Civil da localidade e o GES da Garda, tamén foron alertados polo 112 Galicia. De feito, nada mais chegar, os  membros do GES confirmaron que un señor de avanzada idade trataba de apagar o lume e que se vía moi fatigado.

Finalmente, o home que resultou ser o dono da vivenda, non precisou ser trasladado a ningún centro hospitalario pero si foi atendido no mesmo lugar polos profesionais sanitarios.

Segundo informaron os Bombeiros ao 112 Galicia, tras extinguir as lapas, ardeu o alpendre anexo á vivenda con diversos apeiros, un conxelador, unha cociña e outro material que se almacenaba no seu interior. Engadiron, ademais,  que a estrutura do galpón non resultara danada mais que un pouco o tellado de uralita.   

 

facebook twitter instagram