Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Unha muller resulta ferida ao ser atropelada polo seu propio vehículo en Meaño

Unha muller resultou ferida na madrugada de hoxe despois de ser alcanzada polo seu propio vehículo no lugar de Ganón, no concello pontevedrés de Meaño.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos efectivos de intervención que acudiron ao lugar dos feitos, a ferida foi trasladada ao Hospital Montecelo.

Ao fío das 00:45 horas, os profesionais do servizo sanitario de urxencias chamaron ao 112 Galicia para informar dun accidente onde unha muller fora alcanzada polo seu propio vehículo. De acordo co seu relato, o turismo estaba sen o freo de man accionado e, por iso, tras o impacto, acabou precipitándose por un terraplén.

Con esta información, os xestores do 112 pasaron aviso aos Bombeiros do Salnés, ao GES de Sanxenxo e aos axentes da Garda civil de Tráfico. Ademais, para colaborar no operativo, ata o lugar acudiron os efectivos de Protección Civil de Cambados.

Arde o tellado dunha vivenda en Oímbra sen causar danos persoais

Un incendio nunha vivenda no lugar do Rosal, no concello de Oímbra, en Ourense, calcinou parte do falso teito do inmoble e afectou a dúas outras estancias sen, afortunadamente, causar danos persoais.

Os feitos tiveron lugar ás 21:45 horas cando os Bombeiros de Verín contactaron co 112 Galicia para informar dun lume no tellado dunha casa localizada na parroquia de Santa María de Oímbra.

De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia púxose a situación en coñecemento dos axentes da Garda Civil e, por precaución, solicitouse a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Unha hora mais tarde, os equipos de extinción daban por finalizadas as tarefas de control do lume e confirmaban ao 112 que soamente houbo que lamentar danos materiais.