Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Os adversos meteorolóxicos deixan case 200 incidencias na Comunidade galega

Desde a pasada tarde, o 112 Galicia tivo conta de 173 avisos relacionados cos adversos meteorolóxicos activos na Comunidade. A provincia máis afectada foi Pontevedra, que sumou un total de 133 incidencias, seguida pola Coruña, con 21, e Ourense e Lugo, con 10 e 9, respectivamente.

A maior parte dos incidentes provocados polo adverso teñen que ver con árbores e pólas nas estradas, tanto en arterias principais como en pistas secundarias. Así, no Centro Integrado para a Atención das Emerxencias de Galicia rexistráronse 85 avisos destas características. Neste senso, cómpre destacar o efecto que tivo na autovía A-55 con catro puntos distintos de rexistro de carrís cortados por troncos.

Ademais, o 112 Galicia tivo coñecemento de desprendementos de terra e pedras orixinados polos fortes refachos de vento. Así, a pasada noite, Protección Civil de Soutomaior deu conta da caída de tellas na zona da Devesa, que orixinou danos nos coches aparcados no lugar. Tamén, na zona de Chapela, Redondela, os Bombeiros de Baixo Miño interviñeron para retirar parte dun tellado de uralita que se desprazara co vento. Xa no comezo da xornada, un particular de Tomiño contactou co 112 Galicia para alertar dun panel de obra desprendido que derrubou un poste e parte do muro da súa casa.

Xunto con isto, a choiva tamén tivo consecuencias nos concellos galegos en forma de anegamentos, tanto en vivendas como en vías de circulación. Aquí destaca o caso do concello de Padrón, onde tivo que actuar o GES para cortar a pista local que une Cambelas con Lamego, Rois, polo risco que presenta a auga acumulada no Río Sar.

Os efectos da borrasca tamén provocaron que veciños de varias localidades se atopasen sen luz, entre eles os de Fonte Boa, en San Cibrao das Viñas; os de Matamá e a Avenida do Aeroporto, en Vigo; os do lugar de Anfeoz en Cartelle; ou os de Vilela de Tirán en Moaña.

Con todo, hai que salientar que o temporal por adverso non deixou danos persoais ao seu paso.

Atendido un home con queimaduras na man ao arder a campá extractora da súa vivenda en Cambre

O veciño dun edificio da localidade de Cambre foi atendido por queimaduras nunha man polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Na pasada tarde de onte, un peón da rúa Párroco Manuel Cobas chamou ao 112 Galicia para alertar dun home que berraba desde a fiestra dun piso por mor dun lume dentro da propiedade.

Foi nese intre, cando os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informaron aos Bombeiros de Arteixo, ao Servizo Municipal de Protección Civil de Cambre, á Policía Local do mesmo municipio e aos Servizo Sanitarios de Urxencia.

Xa no lugar dos feitos, os propios Bombeiros confirmaron ao 112 Galicia de que sufocaron o incendio no motor da campá extractora da vivenda orixinado, aparentemente, por una tixola ao lume.

Finalmente, o veciño foi atendido in situ polos sanitarios do 061 sen que fose preciso o seu trasladado.

facebook twitter instagram