Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

O copiloto dun camión queda atrapado despois de bater o vehículo contra o peche dunha casa en Vilamartín de Valdeorras

Un camión para o transporte de lousa bateu contra o peche dunha casa no lugar de Arcos, en Vilamartín de Valdeorras.

No interior do vehículo viaxaban dúas persoas, unha delas quedou atrapada no interior da cabina como consecuencia do impacto.

Deste xeito, desde o 112 Galicia, pediuse a colaboración dos Bombeiros de Valdeorras para liberar ao ferido atrapado e comprobar os danos provocados polo choque, que só afectaron ao peche da casa. 

De feito, no interior do domicilio, as persoas estaban en bo estado de saúde e os coidados sanitarios centráronse nos dous ocupantes do camión, que foron trasladados ao Hospital Comarcal de Valdeorras.

Así, ademais dos equipos de rescate, neste operativo, activado ás 5:30 horas desta madrugada, participaron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así como voluntarios de Protección Civil da localidade e os axentes da Garda Civil de Tráfico.

Aparece o cadáver dunha persoa no interior dun pozo no Porriño

Os bombeiros do Baixo Miño, xunto cos voluntarios de Protección Civil do Porriño, participaron onte á tardiña no rescate dun cadáver, que apareceu no interior dun pozo no Cerquido, no Porriño.

Pola súa banda, as forzas da orde investigan as circunstancias que rodearon este suceso. Un caso do que o 112 Galicia tivo constancia mediante unha chamada de aviso dos voluntarios de Protección Civil, que saían para colaborar cos axentes da Policía Local no rescate do que parecía, inicialmente, un animal dentro dun pozo. 

Sen embargo, poco despois, xa comprenderon que quen xacía no fondo do burato era unha persoa. Deste xeito, acudiron tamén os Bombeiros do Baixo Miño e os axentes da Garda Civil para recoller toda a información posible sobre este suceso, que se produciu preto das sete da tarde de onte.