Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

As coordenadas de Whatsapp permiten localizar a dous mozos perdidos no monte en Cangas

Dous mozos, en perfecto estado de saúde despois de pasar un tempo perdidos no Monte da Antena, en Cangas.

As coordenadas de Whatsapp que enviaron ao 112 Galicia permitiron a súa localización hora e media despois da súa chamada de alerta.

Efectivamente, foron os propios afectados quen contactaron co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia para pedir axuda, pois descoñecían o camiño de volta despois de facer un percorrido monte arriba desde o lugar do Balcón do Rei. Iso si, explicaron que estaban ben e, mediante as indicacións dos xestores de emerxencias, enviaron a súa posición a través da aplicación móbil Whatsapp.

Con estes datos, o persoal do 112 Galicia informou aos membros do servizo local de Protección Civil de Cangas, así como aos axentes da Policía Local e a Garda Civil. 

Aproximadamente unha hora e media despois, os efectivos de Protección Civil atopaban aos mozos en bo estado, apenas unhas rabuñadas, polo que rexeitaron a asistencia médica. 

Un home foi rescatado da auga na zona de Bouzas, en Vigo

Un operativo de seguridade permitiu o rescate esta madrugada dun home que estaba na auga na zona de Bouzas, en Vigo.

Unha persoa particular viu á persoa agarrada á ponte e, decontado, chamou ao 112 Galicia para pedir axuda cando pasaba desta medianoite.

A súa chamada facilitou a activación dun operativo coordinado por Salvamento Marítimo, que enviou á zona unha embarcación, mentres, por terra, desprazábanse equipos da Policía Nacional e Policía Local. Os axentes servíronse de dúas embarcacións privadas para acceder ao home, que permanecía na auga boca arriba e con movemento. 

Unha vez fóra da auga, unha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 trasladouno, consciente, ao Hospital Álvaro Cunqueiro.

  

Un incendio destruíu un alboio en Mos con vehículo e apeiros agrícolas no interior

Un incendio destruíu completamente un alboio no que se gardaban vehículos e apeiros agrícolas.

Ocorreu pasadas as once da noite de onte en Cabaleiros, Mos, e, afortudamente, ninguén resultou ferido.

Tampouco os animais que estaban dentro do alboio sufriron danos, pero as consecuencias do lume foron nefastas para a construción, pois quedou bastante danada.

Foron os propietarios quen contactaron co 112 Galicia para avisar do incendio declarado no pendello, lindeiro coa vivenda. Así, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitaron a asistencia dos Bombeiros do Baixo Miño, así como dos membros do servizo local de emerxencias de Mos. 

Despois de varias horas de traballo, lograron apagar o incendio, aínda que con danos importantes, pois, ademais do tellado que se veu abaixo, resultaron calcinados dous vehículos e apeiros agrícolas. Salváronse os animais.

Igualmente, durante esta mañá, os efectivos do servizo local pasarán pola zona para comprobar o estado da situación, xa que permanecía acendido algún rescaldo sen importancia.

facebook twitter instagram