Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Dúas persoas resultan feridas ao bater un coche contra outro vehículo accidentado na A-52 á altura de Ponteareas

Dúas persoas precisaron asistencia médica a pasada tarde despois de que un coche colidise contra outro vehículo que envorcou na A-52, ao seu paso por Ponteareas.

Os feitos producíronse no punto quilométrico 291 da autovía, en sentido a Ourense, preto das oito.

Foi, nese momento, cando varias persoas particulares contactaron co 112 Galicia para dar conta dun coche que envorcara nese lugar da autovía e, posteriormente, alertaron da colisión doutro turismo contra o primeiro vehículo accidentado.

Nada máis ter coñecemento da situación, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia solicitou a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos GES e Bombeiros de Ponteareas, da Policía Local, dos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade e do servizo de mantemento da vía de circulación.

Xa no lugar dos feitos e unha vez atendidas as persoas que circulaban, respectivamente, nos vehículos accidentados, os efectivos do GES-SPEIS de Ponteareas confirmaron ao 112 Galicia que os dous vehículos sinistrados foran retirados da autovía mediante un guindastre.

facebook twitter instagram