Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Un menor de idade foi trasladado despois de caerlle enriba un balcón que se derrubou en Camariñas

Un rapaz, menor de idade, tivo que ser trasladado, na tarde de onte, ao caerlle enriba parte dun balcón dunha casa, no concello coruñés de Camariñas.

Os servizos sanitarios foron os que lle deron o aviso ao 112 Galicia, pouco antes das 21:00 horas. A información brindada aos xestores do CIAE-112 foi que un balcón acababa de virse abaixo na rúa Churruca e que un mozo, ao que lle caeran enriba os cascallos, estaba inconsciente no lugar.

Inmediatamente, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informouse á Garda Civil, aos Bombeiros de Cee e aos membros de Protección Civil de Camariñas.

Finalmente, e pese a que nun primeiro momento o 061 considerou a mobilización do helicóptero medicalizado con base en Santiago para o lugar dos feitos, os servizos sanitarios confirmaron que o menor foi trasladado en ambulancia ao Hospital de Cee.

Pola súa banda, os membros de Protección Civil do concello concretáronlle ao 112 Galicia que o balcón formaba parte dunha vivenda abandonada e que todo o lugar quedaba sinalizado.

Unha persoa necesitou ser excarcerada do interior dun vehículo despois de sufrir unha saída de vía en Vigo

Unha saída de vía rematou cunha persoa atrapada e tres máis feridas dentro dun coche envorcado en Vigo

Unha persoa necesitou ser excarcerada do interior do vehículo no que se desprazaba, despois de sufrir este unha saída de vía e rematar envorcado, en Vigo.

O 112 Galicia tivo constancia do suceso mediante a chamada de urxencias médicas, pasadas as oito e media da tarde de onte. Os servizos sanitarios informaron dun accidente de tráfico, cun coche implicado, na estrada que sube ao Monte Alba. Ademais, engadiron que no interior do vehículo había unha persoa inconsciente e atrapada e outras tres persoas feridas.

Nese momento, os operadores do CIAE-112 déronlle aviso aos Bombeiros de Vigo e aos axentes da Policía Local.

Unha vez rematada a súa intervención no lugar dos feitos, os Bombeiros de Vigo confirmáronlle ao 112 que excarceraron á persoa atrapada e que conseguiron a súa liberación do interior do vehículo.

Finalmente, o 061 indicou que tan só foi preciso o traslado dunha única persoa ata o Hospital Álvaro Cunqueiro.

O sistema de localización por coordenadas do 112 Galicia consigue a posición dunha condutora que caeu por un terraplén na Pobra de Trives

Estrada OU-536, á altura da parroquia de San Pedro de Xunqueira, no concello ourensán da Pobra de Trives. 

Estes foron os datos brindados polo sistema de localización por coordenadas do 112 Galicia, a noite de onte. Pasadas as nove e media, unha particular chamou ao CIAE-112 para solicitar axuda despois de sufrir unha saída de vía e caer por un desnivel duns dez metros de altura. A particular afirmou que non estaba ferida pero que non coñecía a dirección do lugar.

Nese momento, os operadores do 112 puxeron en funcionamento o sistema de localización mediante as coordenadas do teléfono da condutora e informaron da súa posición á Garda Civil de Tráfico e aos membros do GES de Castro Caldelas e de Protección Civil da Pobra de Trives.

Finalmente, os medios mobilizados chegaron ao lugar do accidente e axudaron á muller a regresar á estrada, confirmando que non precisaba asistencia médica. O GES de Castro Caldelas tamén engadiu que o coche estaba envorcado contra unha árbore na zona de baixada do terraplén, pero que non supoñía risco.

Ademais, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia tamén se lle deu aviso ao persoal de mantemento da estrada. 

facebook twitter instagram