Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Unha persoa ten que ser liberada e outras dúas resultan feridas tras colidir dous vehículos en Redondela

Unha persoa tivo que ser liberada tras quedar atrapada despois de colidir dous vehículos na estrada N-552, no concello de Redondela, á altura do barrio da Formiga.

O 112 Galicia tivo coñecemento dos feitos, pouco antes das doce da noite, a través da chamada dun particular, que informaba dun accidente entre dous coches.

Nese momento, desde o 112 deuse aviso á Policía Local de Redondela e aos Bombeiros do Porriño. Entre tanto, tamén os Servizos de Urxencias Médicas de Galicia - 061 informaba ao 112 deste sinistro no que, posiblemente, houbese unha persoa atrapada.

Con esta información, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención da Garda Civil de Tráfico e dos Bombeiros de Vigo, así como de Protección Civil de Redondela.

Efectivamente, unha vez no punto, os axentes da Policía Local confirmáronlle ao 112 Galicia que unha persoa estaba atrapada no interior dun dos vehículos e que, ademais, había outras dúas feridas, no outro coche implicado. Os bombeiros de Vigo relataron que liberaran á persoa atrapada, que foi atendida polos servizos sanitarios.

Finalmente, para garantir as condicións de seguridade na vía, os xestores do CIAE-112 tamén informaron ao Centro de Xestión de Tráfico e ao persoal de mantemento da estrada.