Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Evacuada unha menor tras ser atopada inconsciente nunha piscina en Cangas

Os servizos sanitarios tiveron que trasladar, a pasada tarde, a unha menor que foi atopada, inconsciente, no interior dunha piscina en Cangas do Morrazo.

O 112 Galicia recibiu o aviso, a través da chamada dun particular, ás oito e media da tarde, que advertía de que sacaran da auga -nunha piscina dun domicilio da localidade pontevedresa- a unha menor que perdera o coñecemento.

Así, de xeito inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia deron aviso aos servizos sanitarios, á Policía Local de Cangas, á Garda Civil e a Protección Civil do municipio.

Desde o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061 mobilizouse ao helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela pero, finalmente, a menor foi trasladada en ambulancia ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Dúas persoas evacuadas logo dunha colisión entre tres vehículos en Meis

Pouco antes das oito da tarde, un particular daba aviso ao 112 Galicia dun accidente de tráfico, con tres coches implicados, na estrada PO-531, ao seu paso polo concello de Meis, en concreto, na parroquia de Paradela.

Decontado, desde o CIAE - 112 Galicia puxéronse os feitos en coñecemento dos servizos sanitarios, dos Bombeiros de Ribadumia, da Garda Civil de Tráfico, así como de Protección Civil de Meis.

Posteriormente, o equipo de urxencias sanitarias desprazado ata o punto confirmou que dúas persoas ían ser trasladadas ao centro hospitalario de referencia.

Por último, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitaron a intervención dos servizos de mantemento da estrada para restablecer e garantir as condicións de seguridade da vía.

Colisión entre dous vehículos en Begonte
Por outra banda, o 112 Galicia tamén soubo a pasada noite dun sinistro con dous coches implicados, na localidade lucense de Begonte.

Eran as dez e media da noite cando un particular informaba dun accidente con dous vehículos implicados e, nesta mesma comunicación, engadía que podería haber dúas persoas atrapadas. Ademais, afirmaba que o lugar do accidente era na parroquia de San Fiz de Cerdeiras.

Así, os operadores do 112 Galicia deron aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061, á Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros de Vilalba, aínda que, finalmente, non foi precisa a súa intervención xa que as persoas que ían nos automóbiles xa foran sacadas do seu interior.

Un produto insecticida, orixe dun lume nunha vivenda na Cañiza

Un lume nunha vivenda da Cañiza, a pasada noite, deixou parte da zona alta da casa queimada. Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais.

Foi un particular quen, case ás once da noite, comunicáballe ao 112 Galicia que saía moito fume negro dun domicilio da parroquia da Franqueira. O alertante aseguraba que, neses momentos, xa estaban todos os inquilinos fóra da vivenda e que eles mesmos intentaban sufocar as lapas cunha mangueira.

Con estes datos, desde o CIAE -112 Galicia pasouse o aviso aos Bombeiros de Ponteareas, á Garda Civil e tamén, por se fosen precisos, aos Bombeiros de Vigo.

Máis tarde, o propio particular que informara do lume, afirmou que o incendio puido ter a súa orixe na bufarda da vivenda, logo de que botaran un produto insecticida na chimenea para matar unhas abellas.

Tras quedar apagado o incendio, os membros dos Bombeiros de Ponteareas tamén confirmaban esta hipótese e aseguraban que, finalmente, o que ardeu foran varios obxectos que había dentro da bufarda.