Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Un home foi excarcerado tras unha colisión entre dous coches en Ferrol

Un home resultou ferido a pasada tarde en Ferrol nunha colisión entre dous turismos, dos cales un caeu por un terraplén e rematou envorcado. Segundo a información recollida no 112 Galicia, o varón tivo que ser excarcerado polos Bombeiros de Ferrol, ao quedar atrapado no interior dun dos vehículos implicados no accidente.

O sinistro produciuse na parroquia de Mandiá, ao fío das oito e media. Nese momento, unha persoa particular contactou co 112 Galicia para alertar dos feitos.

Decontado, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasaron o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Policía Local, á Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros de Ferrol.