Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Unha persoa perde a vida en Vilanova de Arousa ao caerlle enriba un vehículo

Unha persoa faleceu, a pasada tarde, despois de que lle caese enriba un coche, no lugar de Fonsín, en Vilanova de Arousa.

Os feitos tiveron lugar ás 20:30 horas e foi un particular quen contactou co 112 Galicia para notificar o acontecido e solicitar asistencia médica. Así, indicaba que un vehículo se desprendera, do gato que o suxeitaba, e caera enriba dunha persoa.

De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) alertaron aos servizos sanitarios, aos Bombeiros de Vilagarcía, aos axentes da Garda Civil e da Policía Local e a Protección Civil da localidade.

Pese aos esforzos do persoal sanitario, no lugar, nada se puido facer por salvarlle a vida á vítima.

Dúas persoas resultan feridas ao colidir o vehículo no que circulaban contra un portal en Vilanova de Arousa

Unha saída de vía dun turismo contra un portal saldouse con dúas persoas feridas que necesitaron ser trasladadas, en Vilanova de Arousa.

O 112 Galicia foi coñecedor do accidente, ás catro e media da madrugada, cando os propios implicados chamaron para solicitar axuda ao non poder saír do vehículo. Segundo indicaban, o sinistro tivo lugar antes da ponte que une a localidade coa Illa da Arousa.

Así, desde o CIAE-112 Galicia foron informados os Bombeiros do parque de Vilagarcía, o persoal sanitario, os axentes da Garda Civil de Tráfico e Protección Civil.

Xa desde o lugar do accidente, os Bombeiros indicáronlle ao 112 que non foi necesario excarcerar a ninguén no turismo pero que si colaboraron cos servizos médicos na evacuación dos dous feridos ás ambulancias, nas que foron trasladados ao Hospital do Salnés.

Saída de vía en Guitiriz
Por outro lado, unha persoa tivo que ser trasladada ao Hospital Lucus Augusti despois de sufrir unha saída de vía en Guitiriz.

Foi unha persoa particular quen chamou ao 112 Galicia para informar dun vehículo que acababa de caer por un terraplén, duns tres metros, na estrada N-VI, arredor do punto quilométrico 524.

O suceso ocorreu pasadas as cinco da mañá e desde o 112 Galicia pasóuselle a información ao 061, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Vilalba e aos membros de Protección Civil da localidade lucense. Ademais, tamén foron informados o Centro de Xestión de Tráfico e o persoal de mantemento da vía.

Motorista ferido en Chantada
Tamén na provincia de Lugo, un motorista resultou ferido logo de colidir contra un coche na estrada comarcal LU-533, en Tarrío, concello de Chantada.

Passadas as sete e media da tarde, unha persoa implicada no accidente foi quen solicitou ao 112 asistencia médica para o condutor da moto. Así, os operadores do CIAE-112 Galicia facilitáronlle os datos ao 061, á Garda Civil de Tráfico e á Policía Local. Ademais, os Bombeiros e os membros de Protección Civil de Chantada xunto co persoal de mantemento de estradas tamén tiveron constancia.

Ao final, a dotación de Bombeiros desprazada ata o punto confirmoulle ao 112 que unha persoa necesitou ser trasladada ao Hospital de Monforte.