Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Falece un home que foi rescatado da auga na praia da Ladeira en Baiona

Un home perdeu a vida, onte, logo de ser rescatado da auga no areal da Ladeira, na localidade pontevedresa de Baiona.

O 112 Galicia recibiu a chamada dunha persoa particular, ao fío das 19:00 horas, para alertar de que un home acababa de ser rescatado do mar e que necesitaba asistencia médica.

Deste xeito, os operadores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) déronlle aviso ao persoal de urxencias médicas e aos axentes da Garda Civil e da Policía Local. Ademais, tamén se lle brindou a información a Salvamento Marítimo e ao persoal de Gardacostas de Galicia.

Minutos despois e malia os esforzos da patrulla da Policía Local e dos servizos médicos no lugar, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061 notificáronlle ao 112 o falecemento da persoa.

Os equipos de emerxencia axudan a saír a catro ocupantes dun vehículo inundado polo nivel da auga da chuvia en Oleiros

Catro persoas, dous adultos e dous menores, tiveron que ser axudadas, a pasada tarde, polos servizos de emerxencias para abandonar o vehículo no que circulaban e do cal non podían saír ao quedar este asolagado polo nivel da auga da choiva, en Oleiros.

Ás oito e media da tarde, un particular púxose en contacto co 112, desde a estrada AC-12, para solicitar axuda ao verse atrapado nun coche polo nivel da auga, á altura do punto quilométrico 6.

Así, desde o CIAE-112 Galicia informouse á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e aos membros do Servizo de Emerxencias de Oleiros, medios que axudaron a saír do turismo a dúas persoas adultas e a dous menores, sen que resultasen feridos.

Á mesma hora, e ata practicamente o final da xornada, o 112 Galicia recibiu varias chamadas de danos e situacións de emerxencia ocasionadas polas choivas, a gran maioría nos termos municipais da provincia da Coruña. Así, na mesma localidade de Oleiros, os equipos de emerxencia tamén tiveron que traballar arreo en diversas inundacións producidas na Avenida das Mariñas, na Rúa Perseo e na Rúa Rosalía de Castro, entre outras.

Doutra banda, en Culleredo, o teito dun supermercado veuse abaixo, a pasada tarde, sen chegar a ocasionar danos persoais.

Pasadas as 20:30 horas, varios particulares contactaron co 112 Galicia para notificar que acababan de escoitar un ruído moi forte e que, seguidamente, viron como se derrubaba parte do teito dun supermercado da Avenida Juan Carlos I.

De inmediato, desde o CIAE-112 Galicia informouse os Bombeiros de Arteixo, á Garda Civil, á Policía Local e aos membros de Protección Civil. Ademais, por precaución tamén foron alertados os servizos sanitarios.

Finalmente, a Garda Civil comunicoulle ao 112 que non houbo que lamentar danos persoais pero si, segundo informaron os Bombeiros, bastantes danos materiais.

Cambre foi outro dos concellos máis afectados polas precipitacións, onde o interior dun colexio da Rúa Francisco Rodríguez, viuse inundado sen ocasionar feridos. O aviso ao 112 deullo unha persoa particular a poucos minutos das nove e media da noite e, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) notificóuselle á Policía Local, aos Bombeiros de Arteixo e a Protección Civil.