Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Unha muller foi excarcerada logo de bater dous coches en Dodro

Unha muller resultou ferida a pasada noite en Dodro despois de que o coche no que circulaba batese contra outro turismo.

Segundo a información recollida no 112 Galicia, a muller necesitou ser excarcerada do interior do vehículo polos Bombeiros de Boiro para que a puidesen atender os servizos sanitarios desprazados.

O accidente produciuse no punto quilométrico 8 da AG-11, uns minutos despois das nove. Foi, a esa hora, cando varias persoas particulares contactaron co 112 Galicia para dar conta do sinistro.

Acto seguido, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, do GES de Padrón, dos Bombeiros de Boiro e do servizo de mantemento da vía de circulación.

Unha vez liberada, a muller foi trasladada a un centro hospitalario polos profesionais sanitarios.

Saída de vía
Por outra banda, no Rosal, unha saída de vía saldouse con dúas persoas feridas despois de que o coche no que viaxaban caese por un desnivel duns tres metros.

Sucedeu na PO-552, á altura do parque das Pías, ao fío das sete menos cuarto da madrugada.

Foi un dos implicados no sinistro quen alertou do accidente ao 112 Galicia e, axiña, o persoal do CIAE 112 Galicia pasou o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ao GES da Guarda, á Policía Local, a Protección Civil, á Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros do Porriño.

Os servizos de emerxencia rescatan a un home que caeu nunha zona de difícil acceso en Guitiriz

Os equipos de intervención rescataron durante a pasada tarde a un home que caera nun sendeiro próximo ao río Parga, en Guitiriz.

O varón, que resultou ferido nunha perna, foi localizado nunha zona de difícil acceso na parroquia de San Breixo de Parga a través das súas coordenadas de posición, que el mesmo enviou ao 112 Galicia.

Deste xeito, os Bombeiros de Vilalba localizaron ao home ferido e o trasladaron uns trescentos metros ata a ambulancia mobilizada polos servizos sanitarios, na que, posteriormente, foi trasladado a un centro médico.

Os feitos ocorreron moi preto das oito menos cuarto. Nese momento, o home ferido contactou co 112 Galicia para dar conta da súa situación e, a partir de aí, os xestores do CIAE 112 Galicia requiriron a intervención do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos axentes da Garda Civil, dos voluntarios de Protección Civil de Guitiriz e dos Bombeiros de Vilalba.

facebook twitter instagram