Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Falece unha muller e outra persoa ten que ser trasladada ao caer unha árbore cando presenciaba un espectáculo en Mondariz

A muller falecida precisou ser liberada polos Bombeiros, tras quedar baixo a árbore que cedeu mentres presenciaba un espectáculo na rúa de Ramón Peinador, no concello pontevedrés de Mondariz-Balneario.

Ademais, segundo informaron os servizos sanitarios ao 112 Galicia, outras catro persoas que participaban no evento tamén se viron afectadas, pero só unha delas precisou ser trasladada en ambulancia ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo polos técnicos sanitarios.

Pasados dez minutos das nove da noite pasada, unha persoa particular indicaba ao 112 que varias persoas quedaran atrapadas baixo unha árbore que caera mentres vían un espectáculo musical.

De inmediato, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos membros do GES-SPEIS de Ponteareas. De igual xeito, informaron aos Bombeiros de Baixo Miño, á Garda Civil e aos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Oitavén-Tea.

Unha vez no lugar dos feitos, os Bombeiros comunicaron a necesidade de retirar a árbore caída para poder liberar á muller que estaba falecida e que outras catro persoas tamén resultaran afectadas.

Con todo, os profesionais sanitarios confirmaron que tan só unha das persoas que resultara ferida precisou ser trasladada.

 

 

facebook twitter instagram