Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Unha saída de vía en Carnota remata con dúas persoas trasladadas

Dúas persoas resultaron feridas na noite de onte despois de saírse da vía mentres circulaban pola parroquia de Lira, no concello coruñés de Carnota. Ambas foron trasladadas ao Hospital Virxen da Xunqueira polo equipo sanitario de urxencia.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos tras recibir unha chamada de alerta dun dos ocupantes do vehículo sinistrado ao fío das 00:30 horas. Segundo a información facilitada aos xestores do 112, o coche sufriu unha saída de vía e deu varias voltas de campá, o que provocou que os seus ocupantes tivesen dificultades para abandonar o turismo.

De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Vilagarcía, dos Bombeiros de Cee e dos membros do GES de Muros.

Unha vez no lugar do accidente, os equipos de intervención confirmaron que as persoas estaban liberadas e accesibles, descartando o uso do material de excarceración.

Para restablecer as condicións de seguridade na vía, desde o 112 avisouse á Garda Civil de Tráfico e aos membros de Protección Civil da localidade.

Saída de vía en Tui
Por outra banda, no concello pontevedrés de Tui, outra saída de vía rematou con dúas persoas evacuadas. Esta vez, o sinistro tivo lugar ás 23:20 horas da pasada noite nas proximidades da parroquia de Malvas.

Foron os sanitarios os que chamaron ao 112 Galicia para comunicar o seu desprazamento ata o punto co fin de atender ás persoas feridas. Deste xeito, para prestar apoio ao equipo médico, desde o 112 informouse aos Bombeiros do Porriño, á Garda Civil de Tráfico e aos efectivos de Protección Civil de Tui.

Finalmente, dúas persoas foron trasladadas en ambulancia ao Hospital Álvaro Cunqueiro.

Colisión en Viana do Bolo
Ademais, tres persoas resultaron feridas como consecuencia dunha colisión en Viana do Bolo moi preto das oito horas da mañá de hoxe. Tratouse dun turismo que chocou contra outro estacionado.

Un dos implicados chamou ao 112 Galicia para informar da situación e solicitar asistencia médica para os ocupantes do vehículo. De contado, os xestores do 112 solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, do GES da Gudiña, da Garda Civil de Tráfico e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do concello ourensán de Viana do Bolo.