Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Tres persoas foron trasladadas con síntomas de inhalación de gas por mor dun posible escape na súa casa en Verín

Tres persoas necesitaron ser trasladadas, esta madrugada, ao presentar síntomas de inhalación de gas, a causa dun posible escape na súa vivenda, en Verín.

O 112 Galicia foi coñecedor dos feitos, aos poucos minutos das 02:00 horas, a través da chamada dos servizos sanitarios. Na comunicación, confirmábase o traslado de tres familiares que presentaban síntomas de inhalación de gas, nun domicilio da Avenida de Castilla.

Con eses datos, os operadores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) déronlle aviso aos Bombeiros da localidade, á Garda Civil, aos membros de Protección Civil e á empresa suministradora do gas.

Xa desde o punto, a dotación de Bombeiros confirmoulle ao 112 que, tras facer as comprobacións necesarias na casa, a situación quedaba segura.

Incendio nunha vivenda en Santiago
Por outro lado, tamén tivo que ser trasladada unha persoa, en Santiago de Compostela, por mor dun incendio declarado no interior dunha casa do lugar de Ardagán, en Marrozos.

Ao fio das dez da noite, un particular contactou co 112 Galicia para alertar de que ardía unha habitación da súa vivenda e de que tiña queimaduras nas mans. Así, desde o CIAE-112 informouse aos Bombeiros, a Protección Civil e á Policía Nacional e Local da cidade, xunto aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061, que trasladaron á persoa afectada ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Finalmente, os Bombeiros de Santiago confirmaron que o lume afectou a un cadro eléctrico.

Unha persoa foi excarcerada tras sufrir unha saída de vía en Padrón

Unha persoa tivo que ser excarcerada, a pasada noite en Padrón, logo de sufrir unha saída de vía co vehículo que manexaba.

O accidente ocorreu no lugar de Bascuas, pertencente á parroquia de Cruces, ás 21:00 horas. Foi unha testemuña do sinistro quen alertou ao 112 Galicia de que un turismo acababa de quedar envorcado na estrada e de que no seu interior permanecía unha persoa atrapada.

De inmediato, desde o CIAE-112 Galicia notificóuselle o ocorrido aos Bombeiros de Boiro, ao GES de Padrón, ao persoal sanitario e aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local.

Ao remate das tarefas no lugar, os membros do GES comunicaron que tiveron que excarcerar a unha persoa para que puidese ser trasladada polos servizos sanitarios.

Colisións múltiples en Lugo e Vigo
Por outra banda, pasadas as sete da tarde, tiveron lugar dous accidentes múltiples entre tres coches nas cidades de Vigo e de Lugo, con unha e dúas persoas feridas respectivamente.

En Lugo, o alcance produciuse na Avenida Infanta Elena e foi unha persoa particular quen lle deu o aviso ao 112. Así, informouse á Policía Local, aos Bombeiros e ao 061.

No accidente de Vigo, foi o persoal de urxencias médicas quen comunicou a colisión múltiple aos xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia. Esta tivo lugar no punto quilométrico 2 da AP-9V para onde se mobilizou á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e ao persoal de mantemento da estrada. Ademais, tamén se lle comunicou o ocorrido aos Bombeiros, a Protección Civil e ao Centro de Xestión de Tráfico.