Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

O condutor dun turismo foi excarcerado tras saírse da vía e envorcar en Boimorto

Un home tivo que ser excarcerado polos equipos de emerxencia despois de sufrir unha saída de vía co turismo que manexaba e quedar este envorcado, en Boimorto.

Arredor das dez da noite, o 112 Galicia recibiu a chamada dunha testemuña que alertaba do sucedido, na parroquia de Buazo, ao carón da igrexa. Así, a persoa afirmaba que o turismo estaba envorcado na calzada e co condutor dentro, sen posibilidade de saír.

Nese momento, os operadores do CIAE-112 Galicia déronlle aviso aos Bombeiros de Arzúa, ao persoal sanitario, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e a Protección Civil da localidade coruñesa.

Xa no lugar dos feitos, os Bombeiros confirmáronlle ao 112 que excarceraran á vítima, que foi trasladada ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Atrapados baixo un cuberto en Barro
Á mesma hora, no municipio pontevedrés de Barro, dúas persoas necesitaron ser excarceradas do interior do vehículo no que se atopaban logo de derrubarse un cuberto sobre o mesmo.

Foi un familiar dos implicados quen contactou co 112 para solicitar axuda para as persoas atrapadas. Na comunicación, afirmábase que o coche estaba aparcado baixo un cuberto e que este acababa de virse abaixo cas dúas persoas no seu interior.

De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) notificóuselle o acontecido aos Bombeiros de Ribadumia, aos servizos médicos, á Garda Civil e aos membros de Protección Civil de Barro.

Ao remate das tarefas no lugar, a dotación de Bombeiros desprazada ao punto indicou que liberara ás dúas persoas do interior do turismo e que, por fortuna, resultaron ilesas.

Un posible escape de gas nunha vivenda en Curtis puido ser a causa de que unha persoa necesitase asistencia

Unha persoa foi atendida, a pasada noite, a causa dun posible escape de gas na súa vivenda, no concello de Curtis.

Ás doce e cuarto, unha persoa chamou ao 112 Galicia para alertar de que na súa vivenda había unha posible fuga de gas xa que, horas antes, a súa parella comezou a sentirse mal e tivo que ser levada e atendida no centro médico de referencia.

Para o domicilio, situado na Rúa do Doutor Martínez Pardo, en Teixeiro, os xestores do CIAE-112 mobilizaron aos Bombeiros de Betanzos, aos membros do GES e de Protección Civil de Curtis, aos axentes da Garda Civil e ao persoal da empresa suministradora do gas.

Logo de facer as comprobacións necesarias no punto, os Bombeiros confirmaron medicións moi baixas de monóxido de carbono polo que se procedeu a ventilar o lugar.

Desde o 112 Galicia reitérase a insistencia de extremar as precaucións oportunas para evitar imprevistos deste tipo.