Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Dúas persoas excarceradas tras saírse da vía o vehículo no que viaxaban na Pobra do Caramiñal

Foi precisa a intervención dos Bombeiros para liberar ás dúas persoas, tras quedar atrapadas no vehículo no que viaxaban como acompañantes, despois de saírse da vía.

Segundo indicaron os profesionais da excarceración, no vehículo viaxaban tres persoas, dúas mulleres, que tras ser liberadas, foron trasladadas polos servizos sanitarios e o condutor que resultou ileso.

Unha persoa particular, ao fío das cinco desta madrugada, contactou co 112 Galicia para dar conta dos feitos. Indicaba que acababa de escoitar un golpe moi forte, por mor dun accidente, na AC-305, á altura do Río Pedras e do cruce da fábrica Franco, na Pobra do Caramiñal, pero que, desde onde chamaba, desde a súa casa, non lograba ver nada.

Con estes datos, desde o 112 Galicia informouse decontado ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Ribeira e á Garda Civil de Tráfico. De igual xeito, foron informados os Bombeiros de Boiro.

Así, nada máis chegar ao punto e tras comprobar que había persoas atrapadas no interior do turismo, os Bombeiros confirmaron a excarceración das dúas persoas, unha muller que viaxaba de copiloto e outra que viaxaba nos asentos traseiros do vehículo.

As dúas mulleres, unha vez liberadas, foron evacuadas e trasladadas en ambulancia polo persoal sanitario. Pola contra, o condutor, resultou ileso.

Desaloxan unha vivenda por mor da acumulación de gas provocada por un xerador situado nun local dun edificio en Gondomar

Os dous menores que residen na vivenda foron examinados polo persoal sanitario, que se desprazaron ao punto, tras ser alertados dunha posible intoxicación.

Por fortuna, e despois que os membros do GES de Val Miñor confirmaran que as medicións por monóxido de carbono foran positivas, os  dous menores atopábanse en bo estado.

A nai dos menores foi quen, dez minutos antes das oito e media da pasada tarde, chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que detectaba un cheiro moi parecido ao do gasóleo que subía polas escaleiras procedente dun xerador de electricidade situado nun local do edificio situado no lugar de O Cotro, en Gondomar, e que os nenos se lle durmían.

De inmediato, os xestores do 112 puxeron a situación en coñecemento do persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Baixo Miño e do GES de Val Miñor. Así mesmo, foron informados os Bombeiros de Vigo e a Policía Local, así como, tras comprobar polos membros do GES, que as medicións eran positivas por monóxido de carbono, o  persoal da empresa subministradora deste gas.

Con todo, foi preciso desaloxar a vivenda cando se procedeu coas tarefas de ventilación.