Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Unha persoa perde a vida nun accidente de tráfico en Carballo

Unha persoa perdeu a vida nun accidente de tráfico, ocorrido a pasada noite, no concello de Carballo.

O 112 Galicia recibiu varias chamadas, ás 23:45 horas, que alertaban dun accidente no punto quilométrico 3 da estrada comarcal AC-418, en Cances. Durante as comunicacións, xa se afirmaba que o corpo dunha persoa estaba tendido na calzada.

De contado, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) informouse aos servizos sanitarios, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local e aos Bombeiros e membros de Protección Civil da localidade coruñesa. Ademais, tamén se lle notificaron os datos ao persoal de mantemento da vía.

Unha vez no lugar, o persoal sanitario tan só puido confirmar o falecemento da persoa.

Evacuado un home con síntomas de intoxicación por inhalación de gases en Xinzo

Un varón necesitou ser trasladado, a pasada tarde, logo de presentar síntomas de intoxicación por inhalación de gas, no concello ourensán de Xinzo de Limia.

Segundo a información recollida no 112 Galicia, os feitos ocorreron pasadas as 19:00 horas, nun domicilio situado na Rúa A Lamela, en Morgade. Ata alí, acudiron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para comprobar o estado no que se atopaba o varón que, aínda que permanecía no domicilio con dúas persoas máis, era o único que presentaba síntomas compatibles cunha intoxicación por monóxido de carbono.

Co fin de determinar as causas do acontecido, os xestores do 112 Galicia alertaron, de inmediato, aos Bombeiros da localidade que, logo de facer as correspondentes medicións no punto, confirmaron que a vivenda xa fora ventilada e non corría risco.

Ademais, desde o 112 tamén se lle brindaron os datos aos axentes da Policía Local e aos membros de Protección Civil de Xinzo.