Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Unha muller resulta ferida de consideración ao saírse da vía o coche no que circulaba en Gondomar

Unha muller sufriu feridas de consideración despois de que o coche no que viaxaba rematase fóra da vía en Gondomar.

O accidente produciuse na estrada que une esta localidade con Peitieros, ao fío das sete e media da pasada tarde.

Foi, a esa hora, cando o 112 Galicia tivo coñecemento do sinistro a través dunha central de alertas de accidentes de tráfico.

Acto seguido, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ao GES do Val Miñor, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Nigrán.

Segundo confirmaron ao 112 Galicia os axentes da Garda Civil de Tráfico, a muller ferida foi trasladada nunha ambulancia ao centro hospitalario de referencia.

Un incendio provoca danos nun cortello lindeiro a unha casa na Baña

Un incendio orixinado nun cortello que linda cunha casa na Baña deixou importantes danos na corte, sen que ningunha persoa resultase ferida nin afectada.

No interior do cortello había unha caldeira, apeiros de labranza e un tractor, que arderon por completo. Ademais, o teito da construción quedou destruído e caeu.

Foi unha persoa particular quen contactou co 112 Galicia uns minutos despois da unha menos cuarto da pasada noite para alertar do incendio.

Axiña, os xestores do CIAE 112 Galicia solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Xalllas e dos axentes da Garda Civil.

Os Bombeiros de Santa Comba traballaron arreo para atallar o incendio e tamén levaron a cabo tarefas de desentullo por mor da gran cantidade de leña acumulada no interior da corte.

facebook twitter instagram