Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Unha condutora envorca co seu vehículo ao tratar de esquivar un animal no Blancos

Os Bombeiros de Xinzo acoden aos Blancos para liberar a unha condutora atrapada despois de sufrir un accidente co seu vehículo na estrada de Guntín.

Así o explicou a propia afectada a través da comunicación establecida cos xestores do 112 Galicia.

Segundo indicou, saíuse da vía co seu turismo ao tratar de esquivar un animal que interceptou na vía. Ocorreu pouco antes das nove da noite de onte, cando o sistema de alertas da compañía aseguradora transferiu a súa chamada de alerta ao 112 Galicia. Isto serviu para activar un protocolo de actuación, no que participaron os Bombeiros de Xinzo co fin de liberar a ferida. Para iso, deberon estabilizar primeiro a muller e despois sacala do vehículo envorcado nunha padiola adaptada e pola parte traseira do coche. Foi o sistema de suxeición do cinto de seguridade o que lle impedía a mobilidade.

Ademais dos efectivos de salvamento e rescate, no operativo interviñeron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que ofreceron atención sanitaria á muller, pois presentaba un golpe na cabeza. Cómpre dicir que estivo consciente e colaboradora en todo momento, malia o estado de nerviosismo no que se atopaba.

Este operativo contou tamén co apoio dos voluntarios de Protección Civil dos Blancos e dos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Tráiler atoado nun túnel na Coruña
Por outra banda, o 112 Galicia recibiu, pouco antes das oito desta mañá, as chamadas de varios particulares que informaban de problemas na circulación a causa dun tráiler atoado no túnel entre Juana de Vega e Riazor. 

Por fortuna, ninguén resultou afectado e, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, solicitouse a intervención dos axentes da Policía Local.

Unha menor, golpeada por un coche nun paso de peóns
Igualmente, esta mañá, ás 8:30 horas, unha menor sufriu diversas lesións nunha man e nunha perna ao ser golpeada por un turismo nun paso de peóns. 

A persoa que contactou co 112 Galicia para pedir asistencia médica foi a mesma que conducía o coche con cuxo retrovisor alcanzou á nena.

Así, os xestores do centro de emerxencias pasaron aviso aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e tamén aos axentes da Garda Civil de Tráfico.

O suceso ocorreu na rúa Diego Pazos, en Sarria.

 

Unha persoa resulta intoxicada por inhalar fume dun incendio nunha cociña en Pontevedra

Unha persoa necesitou asistencia médica ao inhalar fume dun incendio declarado na súa cociña.

Quen chamou ao 112 Galicia para alertar desta situación indicou que a afectada acudiu a un bar próximo á súa vivenda para pedir axuda.

Os feitos desenvolvéronse contra as 22:30 horas da noite pasada na Rúa Profesor Filgueira Valverde. Alí acudiron os Bombeiros de Pontevedra para sufocar o incendio, que calcinou completamente a cociña. 

Pola súa banda, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atenderon a persoa no mesmo lugar dos feitos e, posteriormente, trasladárona ao Hospital de Montecelo, na mesma cidade pontevedresa.

Neste operativo interviñeron tamén os axentes da Policía Local.