Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Os bombeiros liberan a unha persoa atrapada nun turismo tras unha colisión no Saviñao

Unha colisión no Saviñao mobiliza aos Bombeiros de Chantada para liberar a unha persoa atrapada no interior dun turismo.

O 112 Galicia rexistrou o sinistro ás 18 horas de onte, cando recibiu información sobre un choque frontal na estrada de Currelos a Escairón.

Alí acudiron os equipos de emerxencias logo de activar o persoal do 112 os protocolos necesarios para a mobilización dos recursos de rescate e salvamento, asistencia médica e control e seguridade. Así, ata lugar do accidente desprazáronse os Bombeiros de Chantada e unha dotación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 a bordo do helicóptero medicalizado con base en Ourense. 

Mentres os bombeiros excarceraron a persoa atrapada, o equipo médico dispuxo o necesario para facilitar a evacuación aérea do ferido ao Hospital de Ourense.

En relación ás tarefas de control e seguridade, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia avisou aos axentes da Garda Civil de Tráfico, que enviaron unha patrulla.

Seis feridos en Vilagarcía
Unha hora máis tarde, o 112 Galicia anotou un novo accidente de tráfico en Vilagarcía, no que resultaron feridas seis persoas. 

As lesións que presentaban producíronse como consecuencia do impacto entre dous turismos na parroquia de Rubiáns. 

Para axudar aos afectados, o persoal do 112 pediu a colaboración dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que trasladaron os feridos ao Hospital do Salnés; e dos membros do servizo local de emerxencias. Tamén foi informada a Policía Local.

facebook twitter instagram