Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

O CIAE 112 Galicia rexistrou máis de 200 incidencias relacionadas coa noite de San Xoán

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia vén de xestionar máis de 200 incidencias que estiveron relacionadas coa noite de San Xoán. En total, os xestores do CIAE 112 Galicia atenderon 221 incidencias, desde as 20:00 horas de onte ata as 08:00 horas de hoxe.

As incidencias máis habituais foron as Asistencias Sanitarias (142), os Operativos de Protección Civil (61) e Outros Incendios (18), isto é contedores que resultaron calcinados ou queimas descontroladas.

Por provincias, o persoal do CIAE 112 Galicia xestionou un total de 97 incidencias na Coruña, 86 na de Pontevedra, 20 en Lugo e 18 en Ourense.

En canto as incidencias máis destacadas, cómpre sinalar que unha menor resultou ferida ao alcanzarlle a cara o lume dunha cacharela en Narón. Sucedeu no lugar do Pedroso, pasados uns minutos das 00:00 horas. Desde o CIAE 112 Galicia, nada máis ter coñecemento dos feitos, pasouse o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Policía Local e á Policía Autonómica. Por outra banda, os Bombeiros da Coruña interviñeron para sufocar unha fogueira descontrolada que afectou a uns cables e queimou herba na Praza da Sardiñeira. O 112 Galicia tivo coñecemento dos feitos ás 23:55 horas, a través de varios particulares e, acto seguido, solicitouse a intervención dos Bombeiros e da Policía Local.

Os servizos de emerxencia localizaron falecido no Corgo a un home que desaparecera en Lugo

Os efectivos de emerxencia atoparon o corpo sen vida do home ao lado da súa bicicleta, nunha pista do concello do Corgo.

O 112 Galicia tivo coñecemento da desaparición da persoa durante a tarde de onte e, axiña, activouse un operativo de busca no que interviñeron a Policía Nacional, a Policía Local de Lugo e Protección Civil.

facebook twitter instagram