Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Un motorista cae a un prado tras colidir cun vehículo en Salvaterra

O 112 Galicia rexistrou un accidente cun motorista implicado, que saíu despedido tras bater cun turismo na PO-403, en Fornelos, Salvaterra.

Segundo a información recibida a través da chamada de alerta dunha persoa particular, o sinistro produciuse pasadas as oito da tarde de onte, cando o impacto entre os dous vehículos provocou que o condutor da moto caese a un prado lindeiro.

Para asistir ao ferido, o persoal do 112 solicitou a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que enviaron á zona unha dotación a bordo do helicóptero medicalizado con base en Ourense debido a importancia das lesións que presentaba e co fin de axilizar o seu traslado.

Ademais, foron informados os axentes da Garda Civil de Tráfico, os membros do GES-SPEIS de Ponteareas e os voluntarios de Protección Civil de Oitavén-Tea.

Igualmente, avisouse ao persoal de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestructuras ante a necesidade de retirar os restos do choque e recuperar a seguridade vial.

Ciclista accidentado en Dumbría
Por outra banda, a pasada noite, o persoal do 112 Galicia xestionou a chamada de axuda dun ciclista, que sufriu unha caída cando descendía o porto do Ézaro, en Dumbría. 

Sucedeu preto das 23 horas, tal e como puido explicar o propio afectado mediante a súa comunicación co número único de emerxencias. Segundo explicou, o golpe provocoulle unha forte dor nas costas, polo que necesitaba asistencia médica. Deste xeito, avisouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 co fin de efectuar o traslado do doente ao centro médico máis próximo.

Tamén foron informados os axentes da Garda Civil e os Bombeiros de Cee, aínda que, descartaron intervir en canto comprobaron que o ciclista estaba xa atendido polo equipo da ambulancia.

Os residentes dun centro de maiores de San Sadurniño, a salvo e sen risco tras producirse un pequeno incendio nas instalacións

Un incendio nun centro de maiores de San Sadurniño remata sen feridos e sen risco para os residentes.

Segundo os datos recollidos no 112 Galicia, o lume produciuse na cuberta dunha zona de ampliación das instalacións aínda en obras.

Esta situación permitiu que, durante a intervención dos servizos de emerxencias, os residentes puidesen permanecer nun salón, nunha zona afastada, e sen risco.

Pola súa parte, os Bombeiros do Eume ocupáronse de sufocar o incendio, que se produciu no tellado da ampliación en obras e nunha superficie de escasa extensión, apenas un metro cadrado. Con todo, os efectivos do parque comarcal de bombeiros apagaron o lume e comprobaron a boa calidade do aire co fin de garantir o benestar das persoas residentes.

Igualmente, ademais dos bombeiros, desde o 112 Galicia, solicitouse a colaboración dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, pero ninguén necesitou asistencia. Tamén se informou aos axentes da Garda Civil.

 

facebook twitter instagram