Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Unha persoa chama ao 112 Galicia para solicitar asistencia tras caer dunha ponte da A-6 á que se asomou para contemplar a contorna

O ferido utilizou o móbil doutra persoa para chamar ao 112 Galicia e pedir asistencia médica urxente debido ás lesións que presentaba nas extremidades inferiores e superiores.

Eran as 7:30 horas de hoxe cando o afectado contactou co 112 para explicar que caera dunha ponte á que se asomou para contemplar a contorna, e tras deter o seu vehículo no arcén da A-6, ao paso por Carral.

Como consecuencia da caída, a persoa sufriu importantes lesións nas pernas e nun brazo, polo que, rapidamente, se pediu a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Igualmente, o sistema avanzado de xeolocalización facilitou a situación do ferido, que, tras a caída, descoñecía con seguridade onde se atopaba.

Ademais do equipo médico, desde o 112 Galicia, avisouse aos axentes da Garda Civil de Tráfico e persoal de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento.

O atropelo a un home detén o tráfico ferroviario en Lugo durante algo máis dunha hora

O home faleceu sen que o equipo médico puidese facer nada por salvarlle a vida.

Segundo informou o persoal de seguridade de Renfe a través do 112 Galicia, a persoa foi atropelada por un convoi tras acceder ás vías á altura da Rúa Garaballa de Abaixo.

Co fin de prestar asistencia á vítima, os xestores do 112 solicitaron a intervención dunha dotación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos axentes da Policía Nacional. Sen embargo, nada se puido facer por salvar a vida da persona.

Consecuentemente, interrompeuse o tráfico ferroviario o tempo que duraron os traballos para a inspección dos feitos e a retirada do corpo sen vida do home. Contra as 23:30 horas de onte, reactivouse a circulación de trens.

Sen luz na Avenida do Rocío, en Outes, a causa dun incendio que arrasou dous tractores e ameazou unha vivenda

O incendio, no que resultaron calcinados dous tractores, alcanzou o tendido eléctrico e deixou sen subministro a zona.

Hai apenas uns minutos que finalizaron os traballos para a extinción do lume, que chegou a ameazar unha vivenda. De feito, o 112 Galicia recibiu a chamada dunha veciña da Avenida do Rocío, en Outes, que aseguraba ter incendiada a súa horta.

Efectivamente, para facer fronte a este incendio, declarado a las 5:30 horas de hoxe, foron necesarios os recursos dos Bombeiros de Boiro, do GES de Muros e Noia e dos voluntarios de Protección Civil da localidade. Un lume que comezou en dous tractores estacionados preto da estación de servizo, e que alcanzou tal intensidade ata comprometer a seguridade dunha vivenda e causar danos importantes no tendido eléctrico. Así, desde o 112 Galicia, tamén se enviaron avisos á empresa subministradora para iniciar o proceso de reparación, pois os veciños quedaron sen servizo.

De momento, descoñécese a orixe do lume, mais os axentes da Garda Civil e da Policía Local fixeron as xestións necesarias para tratar de aclarar estas circunstancias.

Os tractores arderon por completo.

En bo estado os tres tripulantes dunha dorna que envorcou na Ponte da Toxa, no Grove

A chamada dunha persoa particular ao 112 Galicia preto das sete da tarde de onte permitiu activar un operativo de rescate dos tres tripulantes.

As condicións da zona e os recursos acuáticos do servizo municipal de Protección Civil do Grove facilitaron o rápido acceso aos ocupantes dunha dorna que deu volta de quilla. Estaban en bo estado de saúde, por iso, descartouse a intervención do equipo médico. Iso sí, desde o 112 Galicia, avisouse a Salvamento Marítimo, que mandou persoal a bordo dunha embarcación, pero bastaron os medios de Protección Civil para recuperar á tripulación.

facebook twitter instagram