Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Unha colisión frontal en Carballo mobiliza aos bombeiros para liberar a unha persoa atrapada

A persoa estaba atrapada polas pernas, o que obrigou aos bombeiros a cortar os piares do coche e abatir o cadro de mandos.

Como consecuencia da súa situación, presentaba algunhas lesións nas extremidades superiores, aínda que de escasa importancia, sinalaron os efectivos de salvamento.

Deste xeito, deron por finalizada a intervención neste accidente, que se rexistrou no 112 Galicia preto das once da noite pasada na AC-552, ao paso pola Revolta, en Carballo. Neste punto, dous turismos bateron de fronte, o que deixou aos ocupantes nunha situación complexa para o abandono dos vehículos. De feito, unha das persoas particulares puido saír do coche logo de desbloquearen os bombeiros a porta, mentres que a outra necesitou dunha intervención máis dilatada do equipo do parque comarcal de Carballo, que cortaron os piares do turismo e botaron abaixo o cadro de mandos co fin de sacar a persoa, atrapada polas pernas.

Unha vez fóra do coche, os implicados recibiron asistencia por parte dunha dotación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aínda que, segundo os bombeiros, parecían lesións leves.

Ademais, acudiu unha patrulla da Garda Civil de Tráfico e o persoal de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas para restablecer as condicións de seguridade na vía.

Evacuadas dúas persoas das supostamente cinco que viaxaban no coche accidentado na Veiga
Doutra banda, o 112 Galicia rexistrou esta madrugada un accidente na Ponte, dentro do termo municipal da Veiga, en Ourense, que consistiu nunha saída de vía con caída por un desnivel. Os axentes da Garda Civil de Tráfico aseguran que no interior do vehículo viaxaban cinco persoas, pero só dúas foron atendidas polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. As tres restantes é probable que abandonasen o lugar do accidente, pois despois de observar con detemento o lugar non se atoparon indicios de que saísen despedidos.

Igualmente, convén sinalar que as persoas que recibiron asistencia sanitaria é porque saíron do coche polos seus medios e baixaron ao pobo para pedir axuda.

Neste operativo, que se iniciou cun aviso ao 112 do equipo médico ás 4:30 horas, completárono os membros do GES da Veiga, que se encargaron de revisar con detemento a zona e asegurarse que ningunha outra persoa necesitase axuda.

facebook twitter instagram