Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Perde a vida un motorista tras chocar o seu vehículo contra un valado en Oia

Falece un motorista despois de colidir o seu vehículo contra un valado ao circular polo lugar de Refoxos, na parroquia de Loureza, no concello pontevedrés de Oia.

O tráxico accidente tivo lugar ao fío das 19:30 horas da tarde de onte, tal e como indicaron varios particulares que chamaron ao 112 Galicia para pedir axuda.

Así, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia puxeron a situación en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que, decontado, comunicaron o desprazamento do helicóptero medicalizado con base en Ourense. Sen embargo, o equipo sanitario nada puido facer por salvar a vida do motorista, que bateu co seu vehículo contra un valado nas proximidades das Pozas de Loureza.

Ao lugar do sinistro tamén acudiron os membros do GES da Guarda e os axentes da Garda Civil de Tráfico. Ademais, desde o 112 Galicia pasouse aviso aos Bombeiros de Vigo e do Porriño.

facebook twitter instagram