Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Os Bombeiros de Bergantiños extinguen un lume por unha fuga nun depósito de combustible en Carballo

Os ocupantes da vivenda, que puideron abandonala, eran dúas persoas maiores e tres menores. A rápida actuación dos servizos de extinción impediu que os danos foran máis graves. Arderon un termo e algo de madeira, ademais de parte do gasóleo que se verteu. 

Un particular informaba, pasadas as 8:20 horas desta mañá, dun incendio nunha casa na Ponte, en Santa María de Bértoa (Carballo). Saía lume polo tellado, e ao lado do inmoble había un depósito de combustible que aumentaba considerablemente o risco da intervención.

Sen embargo, os Bombeiros de Bergantiños presentáronse no punto en poucos minutos e conseguiron extinguir as lapas. O incendio orixinárase por unha fuga no depósito próximo á vivenda, que os servizos de emerxencias procederon a tapar e, finalmente, trasvasárono.

Ademais dos Bombeiros tamén se presentaron no lugar axentes da Policía Local e efectivos de Protección Civil de Carballo, e informouse á Garda Civil e ao persoal do Concello.

Un incendio no cableado do forno obriga a desaloxar unha pizzería en Ourense
Outro lume, esta vez na rúa de Celso Emilio Ferreiro, en Ourense, levou a desaloxar unha pizzería. Os feitos ocorreron ás 21 horas de onte, e había varias persoas no interior, que non resultaron feridas.

Unha das traballadoras do local alertaba ao 112 Galicia de que saía un denso fume negro da cociña, concretamente do forno. Aínda que desconectaran o electrodoméstico, a fumareda seguía a ser importante e decidiron desaloxar o establecemento.

Os Bombeiros de Ourense foron ata o lugar e, tras valorar os danos, confirmaron que ardera unicamente cableado. Acudiron tamén axentes da Policía Local da cidade.

O ataque dun loro provoca a caída dun ciclista que resultou ferido en Nigrán

O ciclista foi asistido polos servizos sanitarios tras sofrer o ataque do animal, que xa actuara noutras ocasións.

Ás 19:30 horas da tarde de onte, un particular alertaba ao 112 Galicia da caída dun ciclista que precisaba atención médica no quilómetro 12 da PO-325, ao seu paso por Panxón, en Nigrán. O ferido atopábase tendido na estrada e non respondía aos intentos das persoas que acudiran a auxilialo nun primeiro momento. Ademais, seguindo as testemuñas directas do suceso, situadas detrás do accidentado no momento do ataque, descartouse calquera posibilidade de que houbera máis vehículos implicados.

Dende o 112 deuse aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que acudiu a asistir ao ferido e que confirmou que a ave xa atacara con anterioridade. Tamén se achegou ata o lugar unha patrulla da Garda Civil de Tráfico.

Por outra banda, informouse á Policía Local de Nigrán, a Protección Civil de Val Miñor e aos servizos de mantemento da estrada.

facebook twitter instagram