Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

A AG-11 rexistrou dous accidentes de tráfico en senllos sentidos da circulación e no mesmo punto quilométrico, en Boiro

En total, cinco vehículos, tres dun lado e dous doutro, víronse implicados en senllos accidentes rexistrados no mesmo punto quilométrico pero en distintos sentidos da circulación.

Segundo a información recollida no 112 Galicia, os sinistros producíronse nun intervalo de apenas cinco minutos, arredor das 7:30 horas desta mañá, en sentido Ribeira e en sentido Padrón. Como consecuencia dos impactos, resultaron feridas, por unha banda, catro persoas, aínda que de carácter leve, e, pola outra, unha persoa recibiu un golpe na cabeza, polo que tamén se solicitou asistencia a Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Con todo, a persoa, que contactou directamente co 112 Galicia para informar do accidente en sentido Padrón, rexeitou a axuda médica malia o golpe na testa.

En canto ás persoas que sufriron lesións no choque de tres vehículos en sentido Ribeira, as catro presentaban lesións de pouca importancia, segundo explicaron os efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil de Boiro.

Ademais deste equipo e dos profesionais sanitarios, desde o 112 Galicia mandouse aviso aos axentes da Garda Civil de Tráfico e ao persoal de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestructuras.

 

facebook twitter instagram