Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Unha saída de vía en Cospeito saldouse con dúas persoas excarceradas

Os Bombeiros de Vilalba acudiron ao lugar do accidente, no punto quilométrico 14 da LU-120, para utilizar o material de excarceración e liberar as dúas persoas atrapadas por mor do impacto.

Posteriormente, tras recibir as primeiras atencións, as dúas persoas que circulaban no vehículo foron trasladadas ao Hospital Universitario Lucus Augusti.

Foi un particular quen deu a voz de alarma do accidente ao 112 Galicia, uns minutos despois das 19:30 horas da pasada tarde.

A partir de aí, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia púxose a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Vilalba, da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento da vía de circulación.

Un neno resulta ferido de gravidade
Ademais, un menor sufriu feridas de gravidade en Vilanova de Arousa ao ser alcanzado por un coche cando manexaba unha bicicleta, nas proximidades do Concello.

Os feitos sucederon durante a pasada tarde, tamén ao fío das 19:30 horas.

Nese momento, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para dar conta do atropelo.

Axiña, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e da Policía Local.
 

Os servizos de emerxencia desaloxaron un inmoble en Sanxenxo ao arder un cadro eléctrico

Ningún dos veciños do edificio resultou ferido por mor do incendio, que se declarou nun cadro eléctrico situado nunha terraza do inmoble, na Rúa da Constitución.

Mentres duraron os labores de extinción e ventilación, as persoas que residen no edificio foron desaloxadas como medida preventiva. Unha vez que os servizos de emerxencia concluíron a súa intervención, puideron regresar ás súas vivendas.

O incendio comezou uns minutos despois das 21:30 horas da pasada noite. Foi, nese momento, cando o GES de Sanxenxo puxo en coñecemento do 112 Galicia a situación.

Acto seguido, o persoal do CIAE 112 Galicia requiriu a intervención da Policía Local e informou aos Bombeiros de Ribadumia.

Incendio en Baiona
Por outra banda, na Avenida de Sabaris, un incendio que se orixinou nun coche tamén afectou á fachada dun supermercado, sen que se rexistrasen danos persoais.

Os feitos sucederon ás 5:40 horas da pasada noite.

Varias persoas particulares alertaron ao 112 Galicia do incendio e, de xeito inmediato, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso ao GES do Val Miñor, aos Bombeiros do Baixo Miño, á Garda Civil e a Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

facebook twitter instagram