Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Un home perdeu a vida ao ser atropelado na A-6 á altura de Aranga

Varias persoas particulares alertaban ao 112 Galicia, ao fío das 06:00 horas, dun home que camiñaba pola beiravía da autovía en sentido a Madrid, á altura do punto quilométrico 554. Un dos alertadores informaba que o peón parecía desorientado.

Axiña, os xestores do 112 Galicia contactaron coa Garda Civil de Tráfico, con Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e co servizo de mantemento da vía de circulación. Ademais, desde o 112 Galicia informouse aos Bombeiros de Betanzos e ao GES de Curtis.

Desde o lugar dos feitos, a Garda Civil de Tráfico confirmou ao 112 Galicia que o home fora atropelado. Pola súa banda, os servizos sanitarios nada puideron facer por salvarlle a vida.

Cabe indicar que foi necesario interromper a circulación de vehículos nun carril da autovía mentres durasen os labores dos servizos de emerxencia.

As intensas choivas caídas durante as últimas horas provocaron que os ríos Tea e Louro superasen os seus limiares

Neste senso, o Río Tea desbordouse ao seu paso por Ponteareas, á altura do campo de fútbol, o que provocou que varios vehículos quedasen inmobilizados polo anegamento da estrada de Cristiñade, nas proximidades da ponte das Partidas. Así mesmo, o 112 Galicia tivo coñecemento da situación dos inquilinos de dous casas atrapados nos andares superiores das edificacións, por estar asolagados os baixos dos inmobles. Segundo indicaron os Bombeiros de Ponteareas, descartan que exista risco para estas persoas.

Tamén, no concello do Porriño, o 112 Galicia tivo constancia de varios anegamentos polo desbordamento do Río Louro, na zona de Riego. Segundo indicaron os membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade ao 112 Galicia, a estrada que pasa por esta zona viuse afectada, así como varias leiras, naves e o cuartel da Garda Civil.

Con todo, cos efectos da meteoroloxía adversa das últimas horas non se rexistraron incidencias de consideración no 112 Galicia. Durante a noite e ata as primeiras horas desta mañá, contabilizáronse un total de 55 incidencias relacionadas co vento e coa choiva. A maioría delas, tiveron que ver coa caída de árbores e pólas nas vías de circulación. Neste sentido, a provincia máis afectada foi a de Pontevedra con 28 incidentes rexistrados, seguida a da Coruña con 19, 4 na provincia de Ourense e outros 4 na de Lugo.

Cómpre sinalar que a Xunta de Galicia mantén activado o Plan Especial ante o risco de Inundacións en Galicia (INUNGAL). De feito, á última hora deste martes a empresa encargada da explotación da presa de San Sebastián comunicaba a posibilidade da suba repentina do caudal do Bibei, polo que, en Galicia, recomendouse adoptar as medidas preventivas necesarias no concello ourensán de Viana do Bolo.