Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Un home resulta ferido a causa da explosión dunha bombona de gas en Laxe

Os servizos sanitarios de urxencia atenderon na noite de onte a un veciño do concello coruñés de Laxe, que resultou ferido a causa dunha explosión.

No interior da vivenda os equipos de emerxencia atoparon dúas bombonas. A que provocou o estoupido estaba conectada a un quentador no momento dos feitos, ambas tiñan mangueira e estaban caducadas. Ningunha había pasado as revisións correspondentes, o que, posiblemente, contribuíu na acumulación de gas previa á explosión na vivenda situada na Rúa Isidro Parga Pondal.

A alerta sobre o suceso activouse no 112 Galicia ás 20:15 horas a través do aviso de varias persoas particulares que escoitaron un estouro no interior dun edificio de tres andares.

En canto á estrutura da vivenda, arderon algúns mobles, a zona onde se atopaba o quentador  e unha cociña de gas. Ademais, a onda expansiva afectou á outras dúas estancias, provocando a ruptura de cristais, que caeron na rúa como consecuencia da deflagración.

Segundo a información facilitada polos equipos de extinción ao 112, o home sufriu queimaduras nas mans e tamén algúns cortes, pero foi atendido polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 in situ. Un veciño foi quen accedeu ao domicilio e atopou ao ferido tendido no chan do baño, posto que o incidente ocorreu mentres o afectado trataba de ducharse.

Ademais dos servizos sanitarios de urxencia, ao lugar acudiron os Bombeiros de Bergantiños, os membros do GES de Ponteceso, axentes da Garda Civil e efectivos de Protección Civil de Laxe. Por seguridade, o perímetro da fachada precisou ser acordoado.

Cómpre indicar que desde o 112 tamén pasouse aviso á empresa subministradora de gas da zona.

Arde unha palleira na Mezquita
Un incendio nunha palleira no concello ourensán da Mezquita obrigou a intervir aos equipos de emerxencia na madrugada de hoxe. Como consecuencia, unha persoa foi evacuada polos servizos sanitarios por inhalación de fume. Ao fío das catro horas, o 112 Galicia recibiu a chamada dun alertador informando dun lume nunha nave próximo ao cemiterio.

De inmediato, os axentes do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE) 112 Galicia solicitaron a intervención dos membros do GES de A Gudiña para atallar as lapas. Unha vez rematada a intervención, o equipo de extinción informou que o fogo consumiu palla, leña e parte do material agrícola almacenado nunha nave dunha granxa en desuso.

Ata o punto, tamén desprazáronse axentes da Garda Civil e efectivos de Protección Civil da localidade.

Incendio nunha cociña na Coruña
Un incidente nunha cociña, a causa dunha tixola, provocou danos materiais nunha vivenda da Rúa Barcelona na noite de onte. As lapas afectaron a campá extractora e a propietaria do inmoble tivo que ser atendida polo equipo médico no punto por culpa dunha crise nerviosa.

Poucos minutos antes das oito, o 112 Galicia recibiu a chamada dunha persoa solicitando axuda para extinguir un lume que afectaba o interior do piso dunha veciña. Para esta intervención, os xestores do CIAE solicitaron a colaboración dos profesionais sanitarios, dos Bombeiros da Coruña, dos axentes da Policía Local e tamén dos membros de Protección Civil da cidade.

Outro incendio similar tivo lugar poucas horas despois en Rianxo. Tratouse doutra tixola esquecida ao lume, o que afectou á campá extractora dunha cociña na Rúa Xosé María Brea Segade. Igualmente, un veciño da edificación foi quen chamou ao 112 para informar da situación e solicitar axuda preto das 22:00 horas.

Ao punto acudiron os Bombeiros de Boiro que trataron de ventilar o inmoble, posto que os propios particulares foron quen de apagar as lapas coa axuda dunhas prendas de roupa. Afortunadamente, ninguén resultou ferido.

Os axentes da Garda Civil, da Policía Local e efectivos de Protección Civil completaron o operativo.

Incendio urbano en Vigo
Por último, na tarde de onte, un incendio na Avenida Gran Vía, puxo en alerta aos servizos de emerxencia de Vigo. Un can foi rescatado polos bombeiros e resultaron calcinados algúns mobles do salón da vivenda. O suceso tivo lugar ás 17:30 horas.

Co fin de aclarar as circunstancias do suceso, desde o 112 Galicia avisouse ademais ao axentes da Policía Local. Os servizos sanitarios e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil tamén foron informados, aínda que finalmente non foi precisa a súa intervención.

facebook twitter instagram