Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Arde o salón dunha casa en Redondela

O resto da vivenda, que era de madeira no seu interior, quedou afectado polo fume. Afortunadamente, ningunha persoa resultou ferida.

Os feitos sucederon no Camiño da Formiga, na parroquia de Cedeira, ao fío das 22:30 horas da pasada noite.

Foi nese momento cando unha persoa particular daba conta do incendio ao 112 Galicia.

Axiña, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención dos Bombeiros do Baixo Miño, do GES de Mos e da Policía Local.

Segundo indicaron ao 112 Galicia os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento do Porriño, o lume declarouse no salón da vivenda, sen que se coñezan as causas que o puideron provocar.

Incendio nunha tapizaría de vehículos
Por outra banda, no Carballiño, un incendio declarado nun taller de tapizados de vehículos, na Avenida de Compostela, deixou calcinados un aparello para lanzar pintura a presión, unha mesa e uns asentos.

Ata o lugar do incendio acudiron, tras recibirse no 112 Galicia a alerta do lume, ao fío das 02:00 horas, os Bombeiros do Carballiño, os membros do Servizo Municipal de Protección Civil e aos axentes da Policía Local.

facebook twitter instagram