Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Tres persoas resultan intoxicadas por monóxido de carbono nunha casa en Vigo

Trátase de dúas mulleres e un neno, que foron trasladados ao Hospital Álvaro Cunqueiro con síntomas de intoxicación por inhalación de gas, debido ao defectuoso funcionamento dunha estufa.

Os feitos sucederon nunha casa da Baixada dos Ríos, uns minutos antes das 22:30 horas da pasada noite.

Nese momento, o 112 Galicia tivo coñecemento da situación a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

A partir de aí, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención dos Bombeiros de Vigo e da Policía Local.

Intoxicación por gas en Ribeira
Ademais, en Ribeira, unha muller resultou afectada ao inhalar monóxido de carbono nunha vivenda.

Segundo a información facilitada polos Bombeiros de Ribeira ao 112 Galicia, a muller foi trasladada ao Hospital do Barbanza, despois de sufrir unha intoxicación por mor do gas procedente dunha estufa.

Ocorreu no lugar de Gándara, na parroquia de Artes, ás 22:00 horas.

O 112 Galicia recibía a alerta dos feitos a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e, acto seguido, os xestores do 112 Galicia requiriron a intervención dos Bombeiros de Ribeira e da Policía Local e Nacional.

Arden dúas palleiras en Sarria

Ningunha persoa resultou ferida polos efectos das lapas, que calcinou por completo as construcións. Segundo indicaron ao 112 Galicia os Bombeiros de Sarria, no interior das palleiras había unha caldeira de propano cun depósito, ferramentas, unha grella e outros aveños.

Ao fío das 3:30 horas da madrugada, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para alerta do lume.

Nada máis recibir o aviso, o persoal do 112 Galicia puxo a situación en coñecemento dos Bombeiros de Sarria e dos axentes da Garda Civil.

facebook twitter instagram