Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Unha persoa falece e outras tres resultan feridas nun accidente cun camión e dous coches implicados en Vilamartín de Valdeorras

O accidente produciuse ao colidir un camión que cargaba porcos con dous coches. Un deles rematou debaixo do remolque do vehículo que transportaba animais, no punto quilométrico 464 da N-120.

O condutor do camión faleceu e tivo que ser excarcerado polos servizos de emerxencias desprazados ao lugar os feitos, ao quedar atrapado no interior do vehículo, que envorcou. Ademais, os servizos de emerxencia traballan arestora para comprobar cantas e o estado das persoas que viaxaban no coche que quedou debaixo do camión. Por outra banda, as outras tres persoas que viaxaban no segundo turismo implicado foron trasladadas ao centro hospitalario de referencia, tras resultar feridas.

Varios particulares alertaron do accidente ao 112 Galicia, uns minutos antes das 07:00 horas desta mañá.

De xeito inmediato, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Ourense, dos Bombeiros e GES de Valdeorras, da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento da vía de circulación.

Os servizos de emerxencia localizan e rescatan o corpo sen vida dun pescador desaparecido en Ordes

A familia do home informou a pasada noite ao 112 Galicia da súa desaparición. Segundo indicaba, o varón saíra a pescar ás 13:00 horas da tarde de onte, ao encoro de Vilasenín, e descoñecían o seu paradoiro.

A partir de aí, desde o 112 Galicia informouse aos axentes da Garda Civil, que tras localizar aboiando na auga do encoro o corpo sen vida do pescador, solicitaron ao 112 Galicia medios para rescatalo.

Deste xeito, os xestores do 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento dos Bombeiros de Ordes. Os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento desprazáronse ata o lugar e recuperaron o corpo.

facebook twitter