Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Un condutor resultou falecido logo de colidir o seu vehículo contra un camión en Rodeiro

ACTUALIZACIÓN: O condutor ferido faleceu cando o estaban a evacuar en ambulancia. Os servizos sanitarios, que tamén mobilizaron o helicóptero medicalizado con base en Ourense, nada puideron facer pola súa vida.

A persoa estaba tendida no chan coa chegada dos primeiros particulares, que indicaron que saíra despedida a consecuencia do choque. A furgoneta na que viaxaba quedou gravemente afectada.

O 112 Galicia tivo constancia deste accidente minutos antes das 8:15 horas desta mañá. O alertador explicaba que acababa de producirse unha colisión entre unha furgoneta e un camión de transporte de pedra, que naquel momento non levaba carga a bordo, no quilómetro 13 da PO-212, en Negrelos (Rodeiro). Os membros de Protección Civil de Lalín engadían que a persoa precisaba atención médica urxente.

De inmediato, os xestores do 112 solicitaron a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos axentes da Garda Civil de Tráfico, de Protección Civil de Lalín e dos servizos de mantemento de estradas. Informouse, ademais, aos Bombeiros de Silleda, ao GES de Lalín e a Protección Civil de Rodeiro.

Unha vez no punto, o persoal sanitario encargouse de prestar asistencia ao ferido e da súa posterior evacuación.

Persoa excarcerada en Muros
Era a única ocupante do vehículo accidentado e os efectivos do GES de Muros traballaron para liberala e retirala, consciente, pola parte de atrás.

Un particular alertou ao 112 dun coche envorcado no quilómetro 2 da estrada DP-5305, en Esteiro. Naquel momento descoñecía o estado do implicado.

Neste operativo interviñeron o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, o GES de Muros e a Garda Civil de Tráfico. Ademais, informouse aos Bombeiros de Cee e a Protección Civil de Muros.

Unha vez os membros do GES tiveron rematado coa excarceración, os servizos sanitarios evacuaron ao ferido en ambulancia ao centro hospitalario de referencia.

Un lume no cuarto dunha caldeira obrigou a manter unha vivenda desaloxada en Baralla

No incendio, no que ningunha persoa sufriu danos, un gato perdeu a vida e un can resultou afectado. As lapas calcinaron por completo unha dependencia na que había unha lavadora, así como a caldeira de gasoil. A vivenda, en cuxo interior non había ninguén no momento no que se orixinaron as lapas, quedou desaloxada durante varias horas.

Varios particulares que se atopaban no lugar alertaron ao 112 Galicia minutos antes das 21:30 horas, cando observaron unha intensa fumareda escura saíndo por unha das terrazas dun edificio situado na avenida de Evaristo Correa Calderón (Baralla).

Foron o persoal do Concello e os veciños os que comezaron a atallar as chamas, que calcinaron unha das estancias. O fume afectou a toda a casa, polo que esta quedou desaloxada.

Desde o 112 solicitouse a colaboración dos Bombeiros de Sarria e dos axentes da Garda Civil.

facebook twitter instagram