Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Unha colisión frontal entre dous turismos deixa tres persoas feridas en Noia

O aviso chegou ao 112 Galicia a través do centro de emerxencias da marca dun dos vehículos implicados. Pouco despois, era un particular que se atopaba no lugar o que concretaba que dous turismos acababan de colidir frontalmente no quilómetro 69 da AC-550, en Barro (Noia). Engadía que, aínda que o choque fora de considerable magnitude, todas as persoas permanecían liberadas e accesibles.

Desde o 112 Galicia solicitouse a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, do GES de Noia, da Garda Civil de Tráfico e dos servizos de mantemento da estrada. Á súa vez, informouse aos Bombeiros de Boiro, que non tiveron que intervir.

Os efectivos do GES de Noia explicaron que unha das persoas tivo que ser evacuada en ambulancia ao centro hospitalario de referencia, mentres que as outras dúas serían levadas ao centro de saúde da localidade.

Finalmente, os operarios de conservación da estrada encargáronse de limpar a vía para restablecer as condicións seguras para a circulación.

facebook twitter instagram