Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Resulta ferido leve despois de saírse da vía e chocar contra un farol e seis coches aparcados en Sanxenxo

O condutor resultou ferido, pero, segundo a información recibida no 112 Galicia, o seu estado non parecía revestir gravidade.

Unha persoa particular foi quen, ás cinco desta pasada madrugada, informou ao 112 Galicia deste accidente. Indicaba que un coche que circulaba pola PO-308, entre os quilómetros 26-27, en Noalla, saírase da vía e batera contra un farol e outros coches que estaban estacionados. Aseguraba que tanto o vehículo coma o farol quedaran atravesados na vía. 

Ata o lugar acudiron nada mais ser avisados polo 112 Galicia, os axentes de Tráfico, da Policía Local e os membros do GES de Sanxenxo, que, ao chegar, solicitaron unha ambulancia para o condutor. Ademais, foron informados os Bombeiros de Ribadumia e o persoal de mantemento da vía. 

Con todo, unha vez no punto, os membros do GES confirmaron que, en total, outros seis coches ademais do implicado resultaran danados.

Choque entre un camión do lixo e un coche en Bueu
Tamén, sobre as doce e media desta pasada noite, unha muller resultou ferida en Bueu despois de colidir o vehículo que conducía contra un camión do lixo, cando circulaba pola estrada do cemiterio, á altura do número 92.
Por fortuna, aínda que nun primeiro momento sospeitábase que a muller podía estar atrapada e ferida no interior do vehículo, o seu estado non parecía revestir gravidade, ademais, segundo indicaron os Bombeiros do Morrazo, que acudiron ao punto nada mais ser alertados polo 112 Galicia, a condutora estaba totalmente liberada e accesible, polo que, non foi preciso excarcerar. 

Foi a Policía Local quen chamou ao 112 para informar do accidente. Indicaba que eles, os axentes, foran alertados por un particular e que lles advertiran de que se trataba dun accidente grave entre un coche e un camión de lixo. 

Con estes datos, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Morrazo e dos axentes de Tráfico. Tamén foi precisa a intervención do persoal de mantemento da vía. 

O persoal sanitario encargouse da evacuación da persoa ferida.

 

Trasladan a unha persoa con queimaduras despois de producirse un incendio na súa vivienda na Coruña

O lume iniciouse nunha vivenda dun edificio situado na Rúa dos Tulipanes, en Elviña. 

Tras atallar o lume con rapidez e ventilar a zona das escaleiras, os Bombeiros da Coruña indicaron ao 112 Galicia que non foi preciso desaloxar. Iso si, a vivenda incendiada ardeu por completo e o morador resultou ferido tras sufrir queimaduras nas mans. 

Pasaban dez minutos das sete desta mañá cando varios veciños contactaban co 112 Galicia para informar de que notaban calor e vían fume nas escaleiras do edificio, pero non sabían de onde procedía.

Decontado, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros da Coruña e do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Tamén foron informados a Policía Local, Policía Nacional e os efectivos de Protección Civil da cidade. 

Tras rematar coas tarefas de extinción e de ventilación os Bombeiros indicaron que o lume se iniciara nun piso moi pequeno e antigo, situado na planta baixa do inmoble. 

A persoa ferida foi trasladada polos servizos sanitarios de urxencia. 

 

facebook twitter instagram